Un total de 20 persoas participarán nun obradoiro de emprego con asignación económica en Ponteareas

obradoiro-empregoA Consellería de Traballo da Xunta de Galicia vén de comunicar a concesión dun obradoiro de emprego ao Concello de Ponteareas cuxo principal obxectivo será a formación de 20 persoas desempregadas nas especialidades de: Atención Sociosanitaria no Domicilio e Deseño de Produtos Gráficos.

Deste xeito, tanto a concellería de Emprego, dirixida por Marisol Valado, como o goberno local, presidido por Salvador González Sola, ven satisfeita unha solicitude que xa presentaran no pasado mes de febreiro. Trátase dun proxecto considerado prioritario, deseñado dende a propia concellería e que permitirá que aquelas persoas seleccionadas poidan gozar dunha asignación económica durante a súa formación. Todas aquelas persoas interesadas deberán inscribirse na Oficina de Emprego de Ponteareas.

Son talleres concebidos como programas mixtos de formación e emprego dirixidos a persoas desempregadas maiores de 18 anos de idade. Neste caso serán 20 persoas as que, durante un período de seis meses, recibirán formación teórica e práctica a través da realización de traballos de interese social para o concello, que as empregará baixo a modalidade de contratos de formación e aprendizaxe.

Este obradoiro, deseñado dende a concellería de Emprego, recibe a denominación de “Compromiso Social e Coñecer Ponteareas” e supón un investimento de case 220.000 euros, asumidos conxuntamente polo Concello de Ponteareas e a Xunta de Galicia.

O taller de Atención Sociosanitaria no Domicilio dotará aos alumnos de competencias de axuda no eido sociosanitario no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, aplicando as estratexias e os procedementos máis axeitados para manter e mellorar a a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno.

O referido a Deseño de Produtos Gráficos permitirá que as persoas participantes aprendan a desenvolver proxectos gráficos a partir das especificacións iniciais do produto, elaborando maquetas, seleccionando cores, imaxes e fontes tipográficas, ademais de utilizar ferramentas informáticas e realizar orzamentos en función das características do proxecto.

As actividades darán comezo ao longo do vindeiro mes de setembro e todas aquelas persoas interesadas deberán inscribirse, o antes posible, na Oficina de Emprego de Ponteareas. Para máis información poden chamar ao número de teléfono da propia oficina, 986 64 00 27, ou ao teléfono do CDL, 986 66 10 50.