Ponteareas construirá dúas pistas de tenis na área recreativa da Freixa

pistas-tenis-freixaO Concello de Ponteareas vén de aprobar no último pleno municipal a modificación de crédito necesaria para establecer unha partida orzamentaria que permita levar a cabo a construción de dúas pistas de tenis na área recreativa da Freixa. O concello aproveitará unha subvención destinada á mellora dos equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, concedida neste caso pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

Un investimento compartido entre ámbalas dúas administracións que chega aos 50.000 euros e que transformará dúas obsoletas pistas de baloncesto e de fútbol sala en dúas pistas de tenis. Estas pistas sumaranse ás dúas xa existentes nese recinto e permitirán que o Clube de Tenis Ponteareas poida facer os seus adestramentos sen prexudicar a aqueles veciños e veciñas que queiran utilizar ditas pistas de xeito particular.

Para iso se procederá á limpeza e acondicionamento previo do pavimento, ademais da reparación de fochancas e desperfectos existentes. Posteriormente se executará un novo pavimento deportivo multicapa e se instalará o peche das pistas, que será de malla de torsión simple lacada e terá unha cor verde.

O proxecto tamén contempla a instalación de redes de tenis, postes, bases e calquera outro elemento preciso para o correcto funcionamento das pistas, como o pintado das mesmas.

O prazo de execución destas obras é de dous meses e supón unha actuación máis por parte da Concellería de Deportes, dirixida por Alberto Novoa, destinada a promover as actividades deportivas como motor do desenvolvemento persoal e social.