Terminais lixeiros de baixo consumo para axilizar a administración

A concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe Benito Márquez ven de completar a renovación do Centro de Procesamento de Datos municipal (CPD) do Concello de Ponteareas, unha actuación cun custo total que ascende a 251.000 euros que mellora os sistemas de almacenamento e xestión da información do consistorio e da cumprimento á lei 39/2015 de procedemento administrativo.

Este segundo centro de procesamento pon fin á precariedade informática herdada de moitos anos atrás con equipamentos obsoletos e con procesamentos de información que non cumprían a legalidade

Co novo Centro de Procesamento de Datos a información municipal gardarase en dous lugares; na propia casa consistorial e no Centro Social donde se atopan os servidores de respaldo”. 

Benito Márquez sinalou que “a partires de agora se van xerar dúas copias de seguridade de tódolos documentos e ademais  o consistorio contará con máis capacidade de almacenamento de arquivos e correos”.

A renovación tamén chega nos equipamentos deixando atrás os Pcs físicos e dando paso a terminais lixeiras que permiten un aforro enerxético do 95% e que conectan directamente co centro de procesamento. A concellería de Novas Tecnoloxías adquirirá cen terminais lixeiros que esixirán un menor gasto de mantemento.

“O baixo consumo de enerxía que supón o emprego de terminais lixeiros de tan só 0,04 vatios constitúe unha importante aposta polo uso racional dos recursos tan fundamental hoxe en día”.

Esta nova plataforma de equipos supón unha notable diminución dos custes, tanto enerxéticos  porque consumen o 5% do que consume un PC convencional, como de propieadade ao conter un software que pemrite xestionar e actualizar os escritorios de xeito centralizado reducindo o tempo e os custes de administración, mantemento e operación. 

Outra das vantaxes de substituir os antigos PCs por escritorios virtualizados Citrix é a mellora de seguridade e mobilidade dos usuarios e usuarias. “Cos anteriores equipos informáticos era difícil poder eliminar o risco de perda, manipulación ou roubo da información almacenada localmente; a nova plataforma ofrece unha protección completa dos datos xa que residen en dous centros de procesamentos”.

A seguridade reforzouse con mecanismos de identificación e autenticacións a través dunha tarxeta intelixente podendo acceder os e as usuarias aos datos e aplicacións que precisen e que residen no servidor. Ademais, emprega sistemas específicos de encriptación para cifrar a comunicación entre o posto de traballo e o servidor. 

Esta aposta por tecnoloxía intelixente camiña na liña marcada pola estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” co obxectivo de conseguir unha vila máis sostible e que mellore os servizos ofrecidos á veciñanza.