O poemario “A memoria das palabras”, do guardés Francisco Álvarez “Koki”, protagoniza o ciclo Venres D_letras deste mes

O poeta guardés afincado en Nova York, Francisco Álvarez “Koki”, presentará o seu novo libro “A memoria das palabras” dentro do ciclo Venres D_letras, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas. O acto terá lugar o vindeiro venres, día 14, a partir das 20:30 horas, no Salón de Plenos.

“A memoria das palabras”, publicado por Edicións Fervenza, é unha colección de poemas vibrantes e doridos que exercen de ponte entre dous espazos e dous tempos moi diferentes: o Nova York emigrante no que o autor ten vivido tantos anos, dunha banda, e a memoria da Guarda orixinaria, da outra. Nos seus versos colisionan ambos mundos nun cosmos poético xenuíno no que o autor reflicte a súa visión da liberdade, a memoria, a lembranza, o afastamento ou os cantares dos nosos devanceiros mentres xoga co surrealismo, a lírica social ou a tradición máis enraizada.

Koki escribe en galego e castelán, principalmente poesía, pero tamén ten publicados libros de narrativa e de literatura infantil e xuvenil e ten colaborado en diversas obras colectivas. Na cidade de Nova York, onde reside, fundou o colectivo Celso Emilio Ferreiro e exerce de animador cultural para espallar a cultura galega naquelas terras. Coordinou varias antoloxías de poetas hispanos e figura en numerosas escolmas de lírica contemporánea, amais de colaborar en diversos xornais literarios de España, Portugal e Latinoamérica.

O vindeiro mes de xaneiro, o ciclo “Venres D_letras” terá continuidade coa presentación do último traballo da escritora ponteareá Isabel Blanco, a biografía “María Vinyals. Un talento rebelde”, editado por Belagua.