A ruta da Lenda das Cinco Irmás conclúe con éxito de participación

Houbo que acurtar a camiñada por mor da subida das temperaturas, que facían a práctica do sendeirismo arriscada para os máis novos

Un grupo dunha ducia de mozas e mozos saíron o xoves 14 de xullo, pola mañá, do Ponte das Partidas, no que os monitores comezaron coa explicación da lenda sobre a orixe das cinco montañas irmandadas que vixían en todo momento os arredores de Ponteareas.

CamiñadaCincoIrmás

Voluntarios, monitoras e rapazada da Ludoteca no entorno do Castro da Troña

Durante o percorrido puideron visitar o Pazo do Rei ou ermida de San Cibrán, así coma coñecer un foso do raposo, unha técnica de caza ancestral e da que se conservan moi poucas. As monitoras fixeron un labor en todo momento de divulgación da etnografía, historia e mitoloxía, así como da riqueza botánica, dos lugares que foron percorrendo. Mesmo puideron visitar o convento de Canedo, cunha explicación sucinta da historiadora Sofía Rodríguez.

Na xornada do venres 15, o grupo incrementouse ata 25, con nenas e nenos da Ludoteca Municipal, que seguiron o camiño ata o cumio da Picaraña, para logo baixar ata o Castro da Troña, e rematar no propio Castelo do Sobroso.

“A actividades do Voluntariado Medioambiental, e esta en concreto, estame gustando moito, porque estamos aprendendo moito sobre a natureza, o patrimonio e a historia de Ponteareas”, comenta Elías Gómez, voluntario do programa. “Esta ruta da Lenda das Cinco Irmás é un sendeiro totalmente descoñecido, que se debería revalorizar, mesmo cun certificado, pois é un camiño moi fermoso”, engade.