As cativas e cativos do Campus Tea visitan o Conservatorio Municipal de Ponteareas

O campamento urbano, que xa ten cubertas todas as prazas, seguirá na segunda quincena de xullo, enfocado no tema Ciencia divertida cos elementos

Os nenos e as nenas inscritos na segunda quenda do Campus Tea 2016 tiveron a oportunidade de coñecer un pouco máis polo miúdo as instalacións do Conservatorio Municipal e os instrumentos que nel se ensina ao longo do ano: vento metal, vento madeira, piano, percusión, guitarra e violíns, foron algúns dos instrumentos que puideron coñecer máis de cerca. “O profesorado do Centro Educativo dirixiu e amenizou a súa visita, permitíndolles que probaran algúns dos instrumentos que lles resultaban atractivos e contestando ás súas preguntas” aclara a edil de ensino.

campusteaconservatorio

Durante esta primeira quincena do mes de xullo, tiveron a oportunidade de descubrir a arqueoloxía a través de diferentes xogos e actividades, así como camiñadas e excursións.

A xestión deste tipo de visitas correu a cargo da concellería de Ensino, Cristina Fernández, quen sinalou “a importancia que ten para os pequenos a relación coa música e os instrumentos que a realizan, xa que Ponteareas ten unha longa tradición musical, con grandes compositores e instrumentistas”.  “Os máis pequenos desfrutaron da música a través de cancións, bailes e o descubrimento de instrumentos innovadores e de menor tamaño”, engadiu.

Na segunda quincena de xullo, o campamento seguirá o seu programa acollendo a outra quenda de alumnado baixo a temática Ciencia divertida cos elementos que procura espertar o interese, a curiosidade e a capacidade de asombro dos nenos e nenas a través do xogo e a experimentación cos elementos: terra, aire, lume e auga, que foron estudados polo home dende tempos antigos e que forman parte da natureza e do noso propio organismo, sendo indispensables para a o desenvolvemento da vida diaria.