Ponteareas urxe á Xunta a concretar a subvención para os socorristas

O Goberno local, que puido activar o proceso cos fondos propios grazas á aprobación dos orzamentos, pídelle ao PP que dirixa as súas criticas á Xunta

O Goberno local de Ponteareas critica o retraso da Xunta de Galicia en resolver a concesión da subvención para contar co servizo de socorrismo na praia da Freixa. Para o executivo municipal resulta inconcibible que en pleno verán e a pesar de reclamar dende fai máis dun mes a resolución, a Xunta só enviou unha “autorización de contratación anticipada”, sen concretar importe de subvención, nin outro tipo de indicación, “un papel sen ningún valor” e indicando que Ponteareas non era prioritario para conceder esta axuda.

Ao fío disto, o concelleiro de Persoal, Francisco Alonso, pídelle ao PP que dirixa as súas críticas á Xunta pola falta de socorristas na Freixa. O PP local criticou na prensa que a Freixa non tivese aínda socorristas e esixiu ao Goberno local que actuase. “Criticar ao Goberno local cando saben que a Xunta aínda non confirmou a subvención, despois de deixar o Concello en bancarrota, o que limita os recursos e a contratación de persoal, só é propio de alguén que ten cara de pau”, afirmou Alonso.

Neste momento, o Goberno local puido activar o procedemento de contratación de dous socorristas polo que queda de verán , grazas a aprobación dos orzamentos de 2016 e así, unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia, puido presentar a oferta na oficina de emprego. O servizo de socorrismo na Freixa aínda se demorará uns días porque é necesario levar a cabo o procedemento de selección de persoal e a correspondente tramitación.