Ponteareas organizará un campamento urbano durante os meses de xullo e agosto

 

A concellería de Ensino pon en marcha esta iniciativa de lecer, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos

As actividades terán lugar no CEIP Nosa Señora dos Remedios, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:00 horas

campus_TeaA concellería de Ensino do Concello de Ponteareas, xestionada por Cristina Fernández, organizará un campamento urbano para nenos de entre 3 e 12 anos que comezará o vindeiro 1 de xullo e rematará o 31 de agosto.

Este campamento, que recibe o nome de “Campus Tea – 2015”, terá lugar no CEIP Nosa Señora dos Remedios e estará dividido en catro quendas. Cada unha destas quendas terá unha duración de quince días e constarán de diferentes actividades temáticas, adaptando os seus contidos ás diferentes idades.

A primeira quenda celebrarase entre os días 1 e 15 de xullo, ámbolos dous inclusive, e permitirá que os cativos poidan achegarse ao eido da cultura castrexa dunha maneira divertida, tentando espertar o seu interese por un estilo de vida tan distinto do actual.

Durante a segunda quincena do mes de xullo, os nenos poderán descubrir diferentes procesos dos alimentos, tanto dos procesados como daqueles cunha orixe ecolóxica, grazas á realización de obradoiros de cociña e xogos variados para fomentar hábitos de vida saudables.

Entre os días 1 e 15 de agosto, ámbolos dous inclusive, o foco estará centrado no ámbito deportivo. As actividades fusionarán xogo e deporte, tentando procurar unha mestura que posibilite que os rapaces carguen pilas e aproveiten o bo clima do verán en compañía dos seus iguais.

A última quenda, prevista para a segunda quincena do mes de agosto, estará centrada na escritura, percorrendo a historia dende a súa orixe, pasando polos primeiros libros até chegar á creación da imprenta. Tamén se fará un pequeno repaso dos diferentes tipos de escritura existentes na actualidade: cirílico, braile, etc.

As prazas para este campamento son limitadas e as inscricións fanse por quenda, sendo posible inscribirse en varias sempre que haxa prazas dispoñibles. O prazo para anotarse comeza o luns, 22 de xuño e remata o venres, 26 de xuño.

Cada quenda ten un prezo de inscrición de 35 euros e todas elas se desenvolverán de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas. Todas aquelas persoas interesadas deben dirixirse ao departamento de Ensino do Concello de Ponteareas ou ben informarse chamando ao teléfono 673 794 880.