Os nenos e nenas de Ponteareas poderán gozar de actividades de verán na Ludoteca Municipal

A Ludoteca Municipal do Concello de Ponteareas oferta  as súas actividades de verán e ábrese o prazo de matrícula

ludoteca-actividadesEstas actividades van dirixidas aos nenos e nenas con idades entre os 6 e os 14 anos e poderán gozar de xogos participativos, xogos alternativos e predeportivos, así como distintas actividades de expresión corporal e musical, obradoiros ambientais e saídas lúdicas e culturais. Xunto a elas, desenvolveranse tamén outras actividades de respostería e cociña e de manualidades, maquillaxe e perruquería.

Para poder participar nestas actividades, cuxo número de prazas é limitado, as persoas interesadas deben facer a matrícula desde o día 24 ao 26 de xuño, en horario das 9:30 ás 14:00 horas, na propia Ludoteca Municipal, situada na avenida de Castelao, número 23, local 1. A cota para participar nestas actividades de verán da ludoteca será de 14, 64 euros por neno e mes e dará lugar a poder asistir a 2 sesións semanais, equivalentes a 4 horas semanais de actividades.

As persoas interesadas poden informarse na propia Ludoteca Municipal ou ben chamando aos números de teléfono 986 661 753 ou 619 216 162, onde recibirán toda a información necesaria.

Segundo a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade do Concello de Ponteareas, Verónica Carrera Blanco, estas actividades lúdicas son importantes e necesarias de cara a conciliar a vida familiar e laboral durante a época de verán, ofertando actividades cun custo económico case simbólico e no que os nenos durante este tempo libre  poidan relacionarse e divertirse e que, ao mesmo tempo, permita compatibilizar o traballo fóra da casa dos seus pais coas responsabilidades e obrigas familiares. Así mesmo, cómpre salientar a importancia deste tipo de aprendizaxes non regradas, nas que se traballan de xeito transversal moitos aspectos importantes como son o respecto polo medio ambiente, o xogo en grupo, a solidariedade e todos aqueles aspectos relacionados coa educación en valores.