A Fundación Celta de Vigo organizará un Clinic para nenos en Ponteareas

O evento contará coa colaboración da Sociedad Deportiva Juvenil e da concellería de Deportes do Concello de Ponteareas

clinic-fundacion-celta-1A Fundación Celta de Vigo organizará un clinic no campo municipal de Pardellas, en Ponteareas, dirixido a nenos e nenas comprendidos entre os 4 e os 15 anos de idade. O evento, que terá lugar os vindeiros días 9 e 10 de xullo, conta coa colaboración da Sociedad Deportiva Juvenil de Ponteareas e da concellería de Deportes, xestionada por Benito Márquez.

Ademais do edil ponteareán, a presentación contou coa presenza do director xeral da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e do presidente da Sociedad Deportiva Juvenil de Ponteareas, Pedro Andrés Alfaro, do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e da primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote.

A metodoloxía empregada neste clinic será a mesma que a utilizada nas categorías inferiores do Real Club Celta, que foi recentemente recoñecida como a mellor canteira de España. Consiste nun sistema rotativo que dividirá o traballo en catro áreas diferentes: coordinación, técnica e táctica, multideporte e competición.clinic-fundacion-celta-2

Trátase da primeira vez que os cativos e as cativas do Concello de Ponteareas poderán gozar dunhas xornadas de tecnificación organizadas pola Fundación do club celeste. Unha fin de semana na que os rapaces, ademais de estar repartidos por idades, farán adestramentos específicos en función da posición que ocupen no terreo de xogo: porteiros, defensas, centrocampistas e dianteiros.

Benito Márquez felicitou “á Fundación do Real Club Celta e máis á Sociedad Deportiva Juvenil pola iniciativa” e aproveitou para indicar que “esta concellería é plenamente consciente da importancia do deporte local e da necesidade de apoio por parte das institucións para garantir a súa existencia”. O edil salientou “o traballo altruísta de moitos veciños e veciñas da vila para facer realidade unha ampla oferta deportiva na vila” e, asemade, afirmou que “o deporte base será unha das súas prioridades”.

Germán Arteta, director da Fundación, mostrouse “moi contento de estar por primeira vez en Ponteareas no vixésimo aniversario dos campus da Fundación”, un organismo que “pretende achegar os valores do deporte á sociedade, sen por iso esquecer a calidade do traballo técnico”.

Pedro Alfaro, en represetanción da Sociedad Deportiva Juvenil, manifestou o seu compromiso coa formación ligada ao deporte e anunciou a inminente “posta en marcha das escolas do club”, un proxecto ambicioso que quere “superar os 100 nenos inscritos nos primeiros anos”.

O prazo de inscrición comeza hoxe, venres 19 de xuño, e remata un día antes do inicio do clinic, o venres 8 de xullo. Todos aqueles interesados poden consultar máis información na web www.fundacioncelta.com.