Ponteareas inviste 35.000 euros na sinalización e mellora viaria

A Concellería de Seguridade Cidadá e Mobilidade procedeu á instalación de sinais verticais luminosas e sinais horizontais coma estacionamentos para vehículos de alto tonelaxe, estacionamentos para persoas con mobilidade reducida ou estacionamentos para motos, con prioridade dos puntos conflitivos das rúas do casco urbano

O Goberno de Ponteareas levou a cabo nestas semanas un proxecto de sinalización e pintado das rúas de Ponteareas, destinando para isto 35.000 euros investidos en sinalización horizontal e vertical para mellorar a seguridade e regular o tráfico.

FotoSinal_resultA concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Vanesa Fernández, destaca a prioridade do actual Goberno pola seguridade dos peóns e os condutores. “Estas actuacións lévanse a cabo en base a un primeiro paquete de medidas de Seguridade Viaria  elaborado por parte da Concellería coa valoración técnica da Policía Local. Esta é a primeira neste ano, mais temos deseñado facer máis nos próximos meses”, explica.  A edil delegada criticou o estado de abandono ao respecto da seguridade viaria de anteriores gobernos. “A planificación nesta área era inexistente, o abandono das vías e a sinalización era notorio”.

Cabe destacar distintas sinais luminosas de pasos de peóns colocadas en lugares que carecían completamente de visibilidade, o que constituía un perigo para os peóns e condutores. Así mesmo pintáronse diversas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.

A proposta do Oficial Xefe da Policía Local pintáronse tamén distintas prazas para motos, colocadas en lugares estratéxicos que permiten, entre outros aspectos, aumentar a visibilidade da rúa na que se sitúan.

Reunión sobre peonalización 

A Concellería de Seguridade Cidadá, por outra banda, convocou á veciñanza e comerciantes das rúas Oriente, Esperanza e da Praza Maior a unha xuntanza o luns 13 de xuño ás 21.00 horas no Centro Social para tratar sobre a o uso seguro das anteditas prazas e rúas co obxectivo de conciliar a actividade comercial e residencial, así como protexer a seguridade dos viandantes. “Queremos facer de Ponteareas unha cidade moderna e atractiva, que recupere os espazos públicos e que permita á súa vez dinamizar o comercio e a hostalería.”, afirma Vanesa Fernández, edil da área.