O Concello de Ponteareas deberá pagar unha sanción de 6.000 euros polas obras de 2013 na senda do río Tea ao seu paso polo castro da Croa en Ribadetea

O actual Goberno local está traballando para contar cunha senda que respecte o rico patrimonio medioambiental e cultural da zona

A dirección Xeral de Patrimonio ven de imporlle ao Concello de Ponteareas unha sanción de 6.000 euros polos danos causados na construción da senda do Tea ao seu paso polo Castro da Croa. Esta multa é consecuencia da política do anterior goberno, responsable de facer un sendeiro ao pé do río Tea nunha zona de asolagamento e sen respectar os valores culturais e arqueolóxicos. A actuación do anterior Goberno, nalgúns tramos, foi un malgasto de cartos públicos como se demostrou neste inverno coa desfeita das sucesivas crecidas do Tea.

A senda foi realizada no ano 2013 entre a Freixa e o Pozo do Barco, na praia fluvial de Padróns ao longo do 3.160 metros, e implicou o removido de terras que afectaron á integridade do patrimonio conservado no xacemento arqueolóxico do castro da Croa, ben inventariado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Sobre a situación da senda do Tea o goberno local adiantou que está a traballar, en coordinación coa Consellería de Medio Ambiente, no proxecto de actuación para contar cunha senda que respecte o río e o rico patrimonio medioambiental e cultural da zona.