O Pleno aproba iniciar o expediente de modificación da ordenanza fiscal do imposto sobre incremento do valor dos terreos de natureza urbana

O máximo órgano de decisión de Ponteareas aprobou mocións dos grupos relativas ao apartheid israelí, sobre o rexeitamento do acordo UE-Turquía sobre os refuxiados sirios ou de apoio aos traballadores autónomos da Cooperativa Servicarne, que traballan en Frigolouro.

O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas en sesión extraordinario reuniuse onte 14 de xuño no Casa do Concello para tratar, principalmente, diferentes mocións presentadas polas diferentes forzas políticas.

Comezou o Pleno gardando un minuto de silencio polo asasinato de 50 persoas nun ataque homófobo en Orlando, E.U.A, e a morte de dúas mulleres a man da violencia machista en Badalona e Murcia.

O primeiro punto importante a tratar foi a proposta do Alcalde sobre a cambia de data do pleno ordinario do mes de xuño, que se debía celebrar o 21, para o 28 por mor da campaña electoral e as eleccións xerais do domingo 26.

A primeira moción presentada por EU-Son en relación á proposta de adhesión á campaña BDS, contra o apartheid israelí, foi aprobada por acordo de todos os grupos.

A segunda moción proposta polo grupo do PSdeG-PSOE sobre o rexeitamento do acordo alcanzado entre a Unión Europea e Turquía sobre a devolución a esta última dos refuxiados sirios foi aprobada. Cabe lembrar que o Concello de Ponteareas ten baixada a media hasta a bandeira da UE como signo de rexeitamento das políticas de migración e asilo que están a levar a cabo desde Bruxelas.

A avespa velutina, especie invasora e perigosa para a fauna europea, en especial a abella melífera, centrou o debate ao redor da moción presentada por EU-Son, que foi aprobada por unanimidade.

O BNG presentou unha moción para o apoio aos traballadores autónomos da Cooperativa Servicarne, que traballan en Frigolouro. Un dos traballadores tomou a palabra para explicar a situación de precariedade laboral nesta empresa, situación que tamén sofren algúns veciños e veciñas de Ponteareas que están nesta situación. A proposta foi aprobada por unanimidade dos grupos políticos.

A moción sobre a aconfesionalidade do Concello de Ponteareas asinada por EU-Son foi rexeitada e substituída por unha emenda do PSdeG-PSOE que foi aprobada.

O PP presentou unha moción para recuperar o Plan de Acción Comunitaria que foi rexeitada cos votos das forzas do Goberno (BNG, PSdeG-PSOE e A Riada do Tea) e EU-Son. Xustificaron este rechazo, principalmente, para evitar inxerencias da Deputación nos Concellos e na existencia de liñas de axuda do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que garante o acceso a fondos provinciais independentemente da cor política do Goberno local.

Por último, o Pleno aprobou a moción presentada polo PP para iniciar o expediente de modificación da Ordenanza fiscal do imposto sobre incremento do valor dos terreos da natureza urbana, para engadir unha bonificación de “ata o 95% da cota íntegra do imposto para os casos de herdanzas de pais a fillos” foi aprobada polos votos dos populares e mais o BNG, PSdeG e A Riada do Tea. O alcalde Xosé Represas lembrou que a rebaixa do 10% dos valores catastrais do IBI, que é a base impositiva sobre a que se calcula a “plusvalía”, xa terá un efecto positivo no ano 2017. A maiores, Represas compareceu por petición do PP para dar conta dos contratos realizados por diferentes empresas.