Ponteareas informa aos ciclistas das normativas, dereitos e deberes

Respetamos as normas?, ¿sabemos o risco que corremos?, ¿temos empatía co resto dos usuarios da estrada?, ¿mellor máis guapo ou máis seguro?… son algunhas das reflexións que todos os participantes consideraron onte na I xornada de seguridade viaria no ciclismo celebrada no auditorio municipal de Ponteareas.

Ciclistas das comarcas do Condado, A Paradanta e A Louriña déronse cita onte para recibir información actualizada da normativa de seguridade viaria e bos hábitos á hora de circular.

Organizada pola concellería de Seguridade Cidadá, que dirixe Vanesa Fernández, a xornada congregou a máis dun cento de ciclistas que foron asesorados pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT), pola Garda Civil do destacamento de Tráfico do Porriño e pola Policía Local de Ponteareas, encargados de impartir os diferentes relatorios que trataron dende a normativa vixente, aos matices da circulación en vías interurbanas e urbanas.

O gañador da Volta España, o ponteareán Álvaro Pino, abríu o acto da man do xefe da Policía Local, Benigno Moldes. Como profesional e máximo expoñente deste deporte en Galicia, Pino insistíu na importancia de ser respetuosos e de velar sempre pola boa convivencia na estrada sendo conscientes sempre das obrigas do ciclista e non só dos dereitos.

José Manuel González, coordinador de exámenes da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) explicou a normativa na que, entre outras consideracións, se contempla a obrigatoriedade de levar timbre e luz blanca na parte de diante e vermella detrás.

González aclarou polémicas como a do uso da luz vermella intermitente na traseira da bicicleta que anos atrás podía ser motivo de sanción pero que, a día de hoxe, está permitida e pode suplir á luz vermella fixa.

Entre algunhas das cuestións expostas tamén estaba a circulación de bicicletas nas autovías, matizando a DGT que “salvo que estea sinalizada a prohibición, os e as ciclistas maiores de 14 anos poden circular polo arcén da autovía, no caso de prohibición débese ofrecer un tramo alternativo”.

A Garda Civil de Tráfico do Porriño, representada polo sarxento Daniel Castelo, e a Policía Local de Ponteareas explicaron como debe circular o ciclista fóra e dentro do casco urbano.

Os expertos deixaron claro temas como a posibilidade de transportar bebés de ata sete anos de idade nunha silla homologada en todo tipo de vías, a obrigatoriedade do uso de casco para os menores de 16 anos e para os maiores tan só en interurbanas e non en travesía ou a posible sanción á que se someten aqueles e aquelas ciclistas que circulen por espazos peonís como beirarrúas ou rúas peonís.

No caso de rúas peonís ou pasos de peóns o ciclista debe ir a pé e levar a bicicleta pola man, tamén debe empregar alumeado de noite e pezas reflectantes cando circulan”.

Entre as normas que debemos cumprir como ciclistas para garantir a máxima seguridade está a de circular en vías urbanas polo centro do carril e fóra de casco urbano á dereita polo arcén, se é transitable e se non o máis pegado á dereita en fila de un e podendo circular en fila de dous.

Ollo condutores! Nas rotondas os ciclistas teñen prioridade e no momento que entra o primeiro ciclista, o resto do pelotón ten preferencia e debemos deixalos pasar.

Nos adiantamentos, o ciclista debe gardar a distancia de seguridade e o condutor gardar un metro e medio de distancia podendo pisar a liña contínua sempre que hai visibilidade e seguridade.

Uso de auriculares, circular a rebufo, móbil e outras distracións frecuentes tamén formaron parte desta primeira xornada que a concelleira Vanesa Fernández considera imprescindible para sensibilizar e concienciar, dotando a toda a cidadanía de toda a formación e coñecementos posibles para vivir en harmonía.

Ao remate as autoridades abriron un tempo de coloquio no que solventar todas as posibles dúbidas.