Ponteareas esixe da Consellería de Educación a implantación de novos Ciclos Formativos para o alumnado da vila e a súa comarca.

O Consello Escolar Municipal acorda no seu derradeiro Pleno de fin de curso a reclamación desta necesidade, solicitada con insistencia nos últimos cinco anos.

O Goberno local de Ponteareas, a través da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, vén de dirixirse á Consellería de Educación reclamando a implantación de novos ciclos formativos para o alumnado de Ponteareas e a comarca. Deste xeito, a edil trasladou tamén o acordo do Consello Escolar Municipal que no seu último Pleno aprobou, unha vez máis, a reclamación de cubrir esta necesidade.

Esta cuestión xa fora tratada anteriormente por parte da Comisión de Planificación Educativa Municipal, que se reuniu en decembro pasado, coa Inspectora de Educación de zona e cos directores dos Institutos de Ponteareas, a fin de mostrar a situación escolar da nosa vila e comarca. Expuxeron á Inspección a necesidade de complementar a oferta educativa con novas implantacións tanto de ciclos formativos como de máis grupos de bacharelato. Froito desta reunión, a Inspectora Teresa Fournol, elaborou un informe da situación, anexa á matrícula dos centros educativos, que entrega ao Xefe Territorial.

A valoración dos argumentos e datos deste informe serviu para que a Consellería de Educación asigne ao IES de Ponteareas para o vindeiro curso escolar dous grupos de 1º de Bacharelato. Un deles de Ciencias e outro de Humanidades e Ciencias Sociais. No seguinte 2017/18, teríamos dous de 1º e dous grupos de 2º de Bacharelato.

Nesta liña, é igual de importante, poder contar con novos ciclos formativos en Ponteareas, xa que numeroso alumnado que podería optar por matricularse nun ciclo medio, remata matriculado en bacharelato, xa que as súas posibilidades lle impiden a mobilidade a cidades próximas para realizar estes estudos.

“Temos que pensar que o alumnado que desexa matricularse en formación profesional, a maior parte deles teñen máis de 16 anos, ao que hai que sumar que os medios de transporte interurbano non se axustan aos horarios precisos, e con esa idade terían que vivir na localidade do centro para poder asistir ás clases. Todo isto incrementado coas baixas rendas económicas e o desemprego que existe na nosa vila, crea unha unha situación inxusta que non respecta a igualdade de oportunidades.”, manifestou a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández.

“Non só estamos ante a imposibilidade de moitas familias de poder enviar aos seus fillos á Universidade. Na nosa bisbarra outras moitas tampouco se poden permitir que vaian a vilas próximas como Vigo, cando aquí en Ponteareas, poderíamos ter novos ciclos que interesaren ao noso alumnado”, engade.

A concelleira de Ensino, xa mantivo unha reunión coa subdirectora xeral de Formación Profesional, M. Eugenia Pérez, acompañada por representantes da FANPO (Federación de ANPAs de Centros de Ensino Públicos das Comarcas Condado-Paradanta e Louriña), a fin de facerlle chegar novamente a solicitude da comunidade educativa, entre a que se atopan os directores dos IES da vila e pedir que se elabore unha proposta seria para ofrecer novas posibilidades de estudos para a nosa mocidade.

O Goberno do Concello, abandeira e apoia totalmente a reclamación do Consello Escolar Municipal, e lembra á Xunta de Galicia que ten a obriga de facilitar e ampliar as posibilidades de estudo da cidadanía de Ponteareas e comarca.