Os primeiros orzamentos de Ponteareas en cinco anos entran en vigor para normalizar o funcionamento económico do Concello

Despois de rexeitar as alegacións no Pleno do pasado 28 de xuño, o Boletín Oficial da Provincia publicou o pasado venres o primeiro orzamento de Ponteareas dende 2010

Coa súa publicación, o pasado venres dia 8, no Boletín Oficial da Provincia, entran en vigor os orzamentos do Concello de Ponteareas para o 2016. Deste xeito remátase cunha situación irregular que se arrastrou dende o 1 de xaneiro de 2011, por mor de estar a funcionar coas contas prorrogadas de 2010. No último mandato do PP, no que Belén Villar foi responsábel de Facenda e Persoal, o anterior goberno foi incapaz de levar a Pleno un só orzamento en 5 anos, “unha situación inaudita nun concello como Ponteareas”, manifestou o concelleiro de Facenda, Francisco Alonso.

A aprobación do orzamento foi unha das prioridades do goberno presidido por Xosé Represas para normalizar o funcionamento do departamento económico do Concello, “estar durante cinco anos cun presuposto tan desfasado ten contribuído ao descontrol económico no Concello e bloqueado determinadas actuacións”, declarou o alcalde.

O Goberno local de BNG, PSOE e ARDT sacou adiante as contas para este exercicio cos seus votos e coa abstención de EU-SON, acción que facilitou a aprobación. “O PP, incapaz de sacar adiante un só orzamento en cinco anos, puxo moitos paus nas rodas para impedir que Ponteareas contara neste ano cuns novos orzamentos pero logramos aprobalos”, manifestou o concelleiro de facenda

Os Orzamentos Municipais contemplan 13,7 millóns de ingresos e 12,9 millóns de gastos para este exercicio. Son axustados, marcados pola débeda do Concello, as sentenzas xudiciais que obrigan a pagar elevados intereses de demora e o embargo da metade dos ingresos do Estado para devolver o diñeiro adiantado en 2012 e 2013 para pagar as miles de facturas sen saldar polos anteriores gobernos do PP.

Entre as novidades do orzamento están os 90.000 euros destinados ás axudas de emerxencia social, os 50.000 euros destinados a subvencionar a creación de emprego, as axudas para libros e material escolar ás familias con escasos recursos económicos, á axuda ao programa vacacións en paz promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharuí.

Os orzamentos tamén permitirán por orde na organización do cadro de persoal en canto as tarefas e funcións a realizar polos empregados municipais, así como as asignacións económicas acordes coas responsabilidades de cada traballador. Para lograr isto, o orzamento contempla unha partida económica para a realización da Relación de Postos de Traballo (RTP), así como para actualizar o convenio colectivo xa que o último é de 1999. O obxectivo é mellorar a xestión e a atención diaria á cidadanía.