O Goberno municipal valora positivamente os cambios introducidos no proxecto de mellora da seguridade viaria da N-120 tras as alegacións de Concello e veciñanza

O Goberno local celebra a aprobación do proxecto de mellora da N-120 en Ponteareas por parte do Ministerio

O Concello pide a máxima axilidade na redacción da modificación para incorporar as dúas novas glorietas no trazado

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández; a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, e un representante da Plataforma de afectados pola N-120, Luis Campos, mantiveron unha reunión este luns na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para coñecer os cambios introducidos tras recoller a práctica totalidade das alegacións presentadas por parte do Goberno municipal do BNG-PSOE e da veciñanza ao anteproxecto de mellora da seguridade viaria nesta estrada.

As modificacións inclúen a incorporación ao proxecto de dúas novas rotondas, unha en Ribadetea e outra en Areas, ademais de incrementarase o trazado da senda en zonas de moito tránsito peonil, como é na rotonda de Ganade co CIFP A Granxa ou en Xinzo, ao ter igrexa e cemiterio cada un dunha marxe da estrada nacional. Contémplase ademais a apertura de practicamente todos os vieiros municipais pechados. Todos estes cambios foron publicado este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Tras anos de traballo por parte do Concello e da Plataforma de afectados pola N-120, o Goberno municipal do BNG-PSOE valora de forma moi positiva o novo paso dado para a modificación do proxecto execución das melloras de seguridade viaria desta estrada aínda que “agardamos que o Goberno do Estado axilice ao máximo os prazos para sacar a licitación canto antes a obra de execución e que todos estes pasos non se vexan demorados polos próximos comicios electorais”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Pola súa banda, a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, agarda que “tras os grandes avances realizados nos últimos meses esperamos que este proxecto se faga realidade á maior brevidade de tempo posible”.

O Concello de Ponteareas manterá xuntanzas cos colectivos veciñais para amosar os planos e toda a información publicada con respecto ao proxecto en canto se recompile a documentación necesaria.