Concello e Deputación de Pontevedra asinan un convenio para transformar a Avenida Sarmiento Rivera

Concello e Deputación de Pontevedra asinan un convenio para transformar a Avenida Sarmiento Rivera

Investiranse 630.000 euros para a mellora da mobilidade e da estancia nesta rúa, ampliando beirarrúas e cun tramo de plataforma única

Ponteareas vive a transformación integral do seu centro urbano. A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este martes no salón de plenos da Casa Consistorial un convenio para a recuperación do espazo público para as persoas na Avenida Sarmiento Rivera, un treito urbano da EP-4006 que contará cun investimento de 630.000€, dos que o Concello porá o 30%, 189.000 euros, e a Deputación achegará o 70% (411.300 €). A intención é que, unha vez finalizadas as obras, este tramo de estrada provincial se transfira ao Concello de Ponteareas.

Cristina Fernández sinalou que este convenio “é unha nova mostra da capacidade do Goberno municipal de, mediante o diálogo e con proxectos firmes, conseguir recursos doutras administracións para investir en obras importantísimas para o futuro da nosa vila”. A rexedora salientou o carácter “estratéxico” da Avenida Sarmiento Rivera, zona de entrada e saída desde outros municipios da comarca como As Neves ou Arbo. Nesta rúa xa se están executando ademais as obras dun novo parque público de máis de 3.000 metros cadrados.

Con este proxecto melloraranse as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas que rematará coas actuais beirarrúas estreitas para transformar a zona nun lugar de paso, estancia e lecer con pasos peonís sobreelevados, cun tramo de plataforma única e coa renovación da iluminación e da sinalización. Unha intervención de gran calado para Ponteareas, xa que transformará unha das rúas máis longas da vila dende o Parque das Pombas ata a rotonda situada na parte posterior do Concello.

Pola súa banda, Carmela Silva sinalou que, grazas ao convenio, “esta estrada provincial converterase nun espazo amábel” e que inmediatamente se aprobará o proxecto e sairá a súa licitación”.

Camiño escolar seguro

Tras a sinatura do convenio, alcaldesa, presidenta e membros do Goberno municipal visitaron as obras do primeiro camiño escolar seguro da vila, que está a piques de rematarse e que suporá a transformación completa do núcleo central de Ponteareas. Un importante cambio “en consonancia cunha clara aposta por facer de Ponteareas unha vila amábel onde as persoas están no centro e o espazo público se recupera para o pracer da xente”, como destacou a presidenta da Deputación.

As obras contan cun orzamento de preto dun millón de euros financiados pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa ReacPon con 723.000 € e polo Concello de Ponteareas con máis de 240.000 euros a través do Plan Concellos. Carmela Silva sinalou que “Ponteareas estase a converter nunha referencia, porque non hai moitos concellos que aposten por crear grandes proxectos como o camiño escolar en ámbitos con moito tránsito”.