O concello destinará 50.000 euros a solucionar o problema de exceso de licenzas de taxis

O pleno do Concello de Ponteareas que se celebrará o vindeiro martes 19 inclue unha proposta do goberno local para aprobar unha partida económica de 50.000 euros destinada a amortizar licenzas de taxi mediante subvención. Así o explicou o Alcalde Xosé Represas logo das declaracións da portavoz do PP Belén Villar e da preocupación amosada polos taxistas. O alcalde lembrou que nos últimos meses “mantivemos reunións cos directivos das asociacións de taxis aos que lles informamos que no pleno de febreiro se tomaría este acordo que dá resposta ás súas demandas”. Represas engade que “a nosa previsión era aprobalo en 2018 pero non foi posíbel porque as alegacións da oposición contra o presuposto municipal retrasaron a súa entrada en vigor”. O Alcalde destacou que é a primeira vez que se dá solución a este problema que se arrastra desde hai moitos anos e anunciou que tralo pleno o goberno manterá unha reunión cos taxistas para concretar as bases que rexerán o procedemento para amortizar as prazas sobrantes.