A veciñanza aposta pola alternativa de maior humanización da rúa Redondela

Máis de medio centenar de veciños e veciñas da rúa Redondela interviron no proceso de participación social para definir a humanización da rúa Redondela. Fixérono tanto a través da web municipal, no espazo habilitado polo Concello baixo o título “Ponteareas o teu fogar” como na reunión celebrada o 5 de febreiro. A veciñanza mostrouse unanimemente a favor da humanización da rúa e valorou as dúas alternativas elaboradas polo equipo técnico. A opinión maioritaria decantouse pola alternativa que supón un maior grao de humanización da rúa. Deste xeito, o proxecto definitivo que se redactará nas vindeiras semanas contempla un único sentido de circulación desde a rotonda da estrada de As Neves até o entronque da rúa Redondela coa rúa das Pombas. Desde aí até a rotonda do Axente Comercial manterase o dobre sentido de circulación. A alternativa escollida contempla a ampliación substancial das beirarrúas que oscilarán entre un mínimo de 2,50 metros e un máximo de 6,00 metros. Ademais contémplase a plantación de 27 árbores e a instalación de 12 farolas con tecnoloxía led, 6 bancos, papeleiras, dispensadores de bolsas para excrementos de cans e paneis informativos para colocación de información municipal. Tamén se reducirá o límite de velocidade aos 30 km/h. En canto aos estacionamentos de vehículos, dun total de 90 prazas existentes na actualidade, tan só se eliminarán 18 (o 20%). Crease unha zona a maiores de carga e descarga O alcalde Xosé Represas felicitou á veciñanza pola súa ampla participación e “polas ideas aportadas que mellorarán o proxecto”. Entre elas, contémplase agora habilitar pasos peonís pola rúa das Pombas e na zona do parque de bombeiros, para facilitar a mobilidade até o Parque das Pombas. Represas sinalou que esta acción, xunto con outras previstas para este ano, “transformarán por completo a vila converténdoa nun lugar pensado para a xente, no que vivir, pasear e desfrutar”. A previsión do goberno é licitar a obra a finais de marzo para que se comece a executar no segundo trimestre.