O concello somete a consulta a reforma do Parque da Feira Vella

O Concello de Ponteareas iniciou o proceso de participación social para definir a reforma do Parque da Feira Vella partindo dun estudo previo elaborado por un equipo técnico especializado en reformas urbanas. Para informar á veciñanza e recoller as súas opinións e propostas repartíuse en Ponteareas Cidade, Avenida de Galicia, Paseo Matutino e outras rúas próximas un tríptico informativo cos datos completos da proposta e as correspondentes infografías. Ademais, a información está dispoñíble na web municipal no espazo “Ponteareas o teu fogar” no que se poden transmitir opinións e ideas. O proceso rematará cunha reunión que se celebrará o 25 de febreiro ás 19:30 horas na sala multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo.

A proposta de reforma pretende mellorar o seu aproveitamento social como lugar de concertos e eventos e que poida ser utilizado como lugar de encontro, relación e lecer, adaptándose ademais a outros usos como exposicións, feiras, etc.

Proponse a eliminación da barreira que representa o valado perimetral do parque abríndoo ao resto da vila, creando novos percorridos que atravesen o parque e camiños no seu interior para maior uso e relación social. Tamén se prevé unha ampla beirarrúa polo lateral do parque adxacente á rúa Castañal, onde hoxe non existe paso peonil. O escenario cubrirase cunha estrutura sinxela e abordaranse reparacións do mesmo e dos camerinos. Contémplase ademais ampliar a zona de céspede destinada ao público reducindo o pavimento actual na parte máis elevada do parque. Ademais, a intención é rexenerar os espazos intermedios existentes entre os edificios públicos da zona, como os Xulgados, a sede da Axencia Tributaria ou a Escola Infantil, mellorar a iluminación e incorporar mobiliario urbano como bancos, papeleiras, fontes de auga e paneis informativos que convertan o parque nun lugar confortábel e de encontro da veciñanza. Por último proponse ampliar a zona de xogos exteriores da escola infantil municipal.

O alcalde Xosé Represas explicou que o Concello dispón da financiación necesaria para poder executar as obras neste ano e animou á veciñanza a participar no proceso “para entre todos transformar un lugar emblemático como a Feira Vella converténdoa nun lugar de desfrute social”.