O Concello de Ponteareas descubre a autoría dalgunhas substraccións no Cemiterio Municipal

Cemiterio Municipal- 1O Cemiterio Municipal de Ponteareas foi obxecto nas pasadas datas anteriores á festividade de Todos os Santos de diversos furtos de prantas dos xardíns, así como de flores das tumbas e outros obxectos.

Ante esta situación, o Concello de Ponteareas, quen nesas semanas estaba procedendo a distintas actuacións de mellora do seu ornato, tanto dos xardíns coma do recinto, decide pechar o camposanto a partir das oito da tarde para evitar tales feitos e, segundo o goberno local, procédese a emitir a orde de extremar a vixiancia do recinto e accesos para poder averiguar a posible autoría de tales feitos e impedir que se volvesen producir. Froito desta medida, o encargado do cemiterio municipal e axentes da Policía Local de Ponteareas identifican ao presunto responsable da substracción de prantas no camposanto, unha muller de 50 anos veciña dun municipio limítrofe, quen admite tales feitos, manifestando que o facía para adornar a súa propia casa.

Así mesmo, o goberno local quere felicitar ao encargado do cemiterio municipal e á Policía Local polo excelente traballo desenvolvido para esclarecer estes roubos acaecidos no camposanto en datas tan sinaladas.