O goberno de Ponteareas propón unha modificación do orzamento para contabilizar a última remesa de facturas anteriores a 2011 e cumprir o pago de sentenzas

O goberno de Ponteareas convoca para o mércores día 29 de novembro un pleno extraordinario para tratar a proposta do goberno de modificar o orzamento municipal vixente, como consecuencia, en concreto, de dar cobertura orzamentaria a pagos efectuados polo Fondo de Financiamento para pagos a Provedores (FFPP) por débedas sen cobertura orzamentaria incluídas na primeira fase do mecanismo de pagos a provedores e para dar cumprimento a dúas sentenzas firmes resoltas declarando as obrigas de pago a cargo do Concello, así como para atender gastos e necesidades para as cales non existe crédito nas aplicacións do orzamento por un importe total de 444.202,76 euros.

Ao votar en contra da urxencia a oposición non se puido tratar na comisión informativa do xoves. O goberno de Ponteareas no seu ánimo de maximizar os recursos e ofrecer melloras aos cidadáns quere destinar as partidas sobrantes de intereses e persoal a outras áreas para dar cobertura a necesidades da veciñanza. Para o goberno de Ponteareass era urxente tratar este punto na comisión para dar tempo ás pertinentes publicacións no Boletín Oficial antes da súa entrada en vigor.

“Trátase de recoñer as débedas con acredores anteriores a 2011, facturas que tampouco estaban contabilizadas aínda que si foran pagadas por Facenda en 2012 e descontadas co embargo dos ingresos mensuais que Ponteareas percibe do Estado”. 

Débedas como a da SGAE na que o Concello foi condenado a pagar 37.506€ á Sociedade General de Autores polo dereitos impagados de 2005 a 2015 pola reproducción non autorizada de obras protexidas por dereitos de propiedade intelectual, pola interprestación de obras teatrais e actuación de orquestras facturadas dende o 2005 ao 2015, entre outras moitas débedas dos gobernos anteriores que fomos saldando.

Por último, o Alcalde proporá á Corporación renunciar ao cobro das asistencias a este pleno como xa o fixo noutro pleno extraordinario de novembro, ao igual que outros concelleiros do grupo de goberno.