Ponteareas promociona a súa cultura en Culturgal

Os días 1, 2 e 3 de decembro, dende ás 11 ata ás 9 horas, terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra a X Feira de Industrias Culturais de Galicia – CULTURGAL 2017. O evento ten como finalidade fomentar a contratación de empresas e colectivos culturais de Galicia, amosándose coma unha plataforma única de publicidade e de intercambio comercial de amplo alcance. O pasado 2016, o CULTURGAL rexistrou unha asistencia de 15.000 persoas, contando coa presenza de empresas privadas, institucións, artistas, programadores, xestores culturais e medios de comunicación, entre outros.

Un ano máis, o Concello de Ponteareas quere tomar parte desta importante cita do calendario cultural galego. Deste xeito, Ponteareas contará cun stand informativo (Nº 85) no que exporá 6 bloques de industrias culturais destacadas da nosa cidade: Ponteareas é Música; As nosas Feiras; O mundo da Gaita; As masas Corais; Creadores Culturais; e Grupos Folclóricos. Cada un dos bloques culturais contará ademais coa presenza no stand dalgún dos principais representantes ponteareanos de cada sector, entre os que destacamos os membros da Coral Polifónica Centro Artístico Sportivo, a Banda Xuvenil e a Escola de Música de Xinzo, o grupo de teatro A Pena do Equilibrio, a Banda de Gaitas Tremiñado ou a artesanía de gaitas de Ponteareas.

Culmina o evento a presentación de Ponteareas no escenario principal do Pazo de Cultura, o domingo 3 entre ás 12:45 e as 13:30 horas, na cal intervirá Hortensia Bautista, Concelleira de Cultura, e Xosé Represas, Alcalde de Ponteareas. Esta presentación irá acompañada dunha proxección sobre a creación cultural de Ponteareas, e das actuacións do Cuarteto de Gaitas Tremiñado e do Rancho de Reis de Fozara.