Comunidade educativa, tecido empresarial e comunidades de montes contribúen á plantación de árbores autóctonas da man da Concellería de Medio Ambiente

Máis de 500 árbores autóctonas serán plantadas en distintos puntos do concello por 500 alumnos/as

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, e a concellería de Educación, que dirixe Cristina Fernández, implican aos centros educativos de primaria na plantación de árbores autóctonas co obxectivo de concienciar sobre a importancia do medio natural para o benestar das persoas e achegar aos máis pequenos e pequenas coñecementos sobre as nosas especies arbóreas.

A concelleira Rosa Covelo explica que se trata dunha plantación planificada atendendo ás necesidades, características e hábitat propio de cada espazo, “nestes días plantaremos especies autóctonas axeitadas a cada zona, en Guláns e en Santiago de Oliveira carballos e nogueiras e no regato da venda recuperarase a vexetación propia da beira do regato con freixos e ameneiros e na zona da explanada, máis preto do complexo deportivo, pradairos e bidueiros que aportarán unha ampla sombra na que descansar”.

Onte xoves, o alumnado do CEIP de Santiago de Oliveira plantou na contorna do seu centro un total de 50 árbores, e hoxe será o CEIP Feliciano Barrera o que plante outras 50 máis no monte de San Cibrán en estreita colaboración coa comunidade de montes en man común e coa empresa Laureano Covelo que doou estas cen árbores.

O luns será o turno do CEIP Mestre Ramiro Sabell que comezará a plantar na zona do regato da Venda, donde tamén plantarán, o martes, o alumando do colexio Fermín Bouza Brey nun segundo tramo. Os CPRs Santiago Apóstol e La Inmaculada completarán o traballo de plantación no regato da venda acadando todos xuntos a cifra de 359 árbores plantadas nesta zona doadas polas empresas ponteareás Aluarmo e Darlim.

En total e coa árbores aportadas polo Concello, esta iniciativa fai posible a plantación de 500 árbores autóctonas que farán máis grandes os pulmóns da nosa vila para que todos e todas poidamos gozar dunha vida máis saudable e agradable. Unha iniciativa na que participaron máis de 500 alumnos e alumnas.

Rosa Covelo e Cristina Fernández salientan a colaboración das comunidades de montes en man común e da comunidade educativa e agradece o apoio e colaboración das empresas locais Aluarmo, Darlim e Laureano Covelo que, xunto á Comunidade de Montes de San Cibrán, doaron as árbores plantadas pechando este amplo círculo participativo que implica diferentes idades e sectores da poboación e contribúe na amplificación do respecto e posta en valor do patrimonio natural.