A Challenge Rías Baixas chega a Guláns este sábado

O concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, participou hoxe na presentación da cuarta edición da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo que organiza o club “Máster da Louriña” xunto ao concelleiro de Deportes do Porriño, David Alonso, á concelleira homóloga en Mos, Begoña Toucedo, e Juanjo Álvarez da organización do evento. A presentación foi no CEIP Fernández López do Porriño.

A Challenge consta de tres etapas que se disputarán entre o sábado 29 de febreiro e o domingo 1 de marzo. A primeira etapa será unha contra reloxo individual de 8 quilómetros no parque de Avisoureira, en Guláns (Ponteareas). A segunda etapa será unha etapa en liña de 81 quilómetros, ó longo do concello de Mos. E a terceira e última etapa, “Gran Premio do Porriño” consistirá noutra etapa en liña, de preto de 78 quilómetros.

A Challenge Rías Baixas 2020 terá 192 participantes. Está reservada para corredores Máster 30, Máster 40, Máster 50 e Máster 60, así como para Féminas Máster. Tamén hai unha categoría júnior para a que se reservaron 30 prazas.