Esta tarde presentación da curtametraxe realizada polo alumnado do ERASMUS+

A concellería de Educación que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández convida a participar na presentación da curtametraxe “Maruxa e Cuchulain contra a Santa Compaña” realizada polo alumnado do ERASMUS +. A presentación será hoxe venres ás 17:30 horas no salón de plenos do Concello de Ponteareas.

Esta curta é un dos produtos do ERASMUS+ “Endagered languages, cultural diversity and integration in the EU of the XXI Century” coordinado polo centro Archbishop Mchale de Tuam (Irlanda) e os tres IES de Ponteareas: O Barral, Pedra da Auga e Val do Tea e posta en práctica durante tres cursos, dende o 2016 ata o 2019.

Un dos obxectivos principais foi o estudo das linguas galega e irlandesa contextualizadas na súa historia e cultura. Entre as actividades propostas inicialmente no proxecto estaba a elaboración dunha curta animada que reflectise este obxectivo e que fose o resultado da colaboración entre profesorado e alumnado galego e irlandés.

Nunha primeira fase, durante o intercambio de 2016- 2017 as profesoras irlandesas, Anne Marie e Liz e os galegos Uxía e Alberto compartiron lendas irlandesas e galegas co alumnado en galego e inglés.

Explican os profesroes que en grupos pedíuselles que escribisen o argumento e centrasen as personaxes e debuxasen como os imaxinaban. Todo este material foi escaneado e gardado. Na mobilidade de 2017- 2018, baixo a dirección de Deirdre ,Yvonne, Uxia e Alberto continuouse co desenvolvemento da historia, dos debuxos, dos escenarios etc. A actividade sempre se realizou en grupos reducidos integrados por alumnado de Irlanda e de Galicia.

Mediante unha votación elexíronse tanto a historia como os personaxes e os escenarios, e todo isto se concretou nun guión escrito en galego e en irlandés que foi publicado nun libro “Mais que valente” presentado na Feira do Libro de Ponteareas en Xullo 2019. O guión tamén foi adaptado nunha obra de teatro e representado polo alumnado do curso 2018-2019.

Finalmente, contactamos coa Escola de Arte de Ponteareas á que lle levamos os debuxos e o guión para que fixesen unha curta animada dun xeito máis profesional. O resultado do seu traballo é a curta que presentamos hoxe.

A historia conta como a Santa Campaña asola Galiza levando á xente e á luz, deixando terror e escuridade, só dúas persoas quedan en liberdade, Maruxa e un neno, que deciden avisar a Cuchulain, heroe irlandés, para que veña na súa axuda. Os tres teñen que traballar xuntos para poder vencer así á Santa Compaña.

A historia é un exemplo de coordinación e colaboración para lograr un obxectivo e reflicte sen dúbida o espírito do proxecto.