Caza, porco celta e setas esta fin de semana en Ponteareas

A Asociación de Hostaleiros do Condado organiza unha degustación na Praza Maior os días 28 e 29 de novembro

IMG-20151124-WA0002 (1)A Praza Maior de Ponteareas acollerá dúas xornadas de alta gastronomía e boa música nas xornadas do sábado 28 e do domingo 29 de novembro. A iniciativa está organizada pola Asociación de Hostaleiros do Condado e conta coa colaboración de Rock in Río Tea e da concellería de Comercio e Hostalería, xestionada por Mario Lago.

O sábado 28 de novembro todos os asistentes poderán gozar dunha degustación de tapas e racións, de carne de caza, porco celta e setas dende as 12:00 horas e até as 00:00 horas de maneira ininterrompida. Ademais, na sesión vespertina, terá lugar o concerto do grupo ponteareán Mínima Son.

O domingo 29 de novembro a actividade comezará tamén ás 12:00 horas, coa degustación dos produtos antes mencionados; co programa de radio en directo “Sempre Queda o Rock” e a entrevista e o concerto acústico de Óscar Avendaño, baixista do grupo Siniestro Total; e co concerto da Banda Beethoven Rollers a partir das 12:45 horas.

Mario Lago, concelleiro de Comercio e Hostalería, describiu o evento “como unha extraordinaria forma de combinar gastronomía e diversión” e asegurou que este goberno local e a súa concellería “axudarán a fomentar e a desenvolver todas aquelas ideas que vaian encamiñadas a favorecer ao sector hostaleiro, porque con iniciativas así todos saímos beneficiados”.