O Auditorio Municipal acollerá o terceiro encontro da Academia Europeia de Dirección de Banda

Forma parte do programa lectivo que os alumnos desta escola desenvolven ao longo do curso para adquirir unha formación profesional como directores de banda de música e estará centrado na obra do compositor Percy Aldridge Grainger

A Academia Europea de Dirección de Banda, con sede en Fornos de Algodres, Portugal, organiza o terceiro encontro do seu curso académico no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, en Ponteareas. O evento terá lugar os vindeiros días 28 e 29 de novembro e foi presentado esta mañá na Casa do Concello en presenza do alcalde, Xosé Represas; da concelleira de Ensino, Cristina Fernández; de Javier Viceiro, director pedagóxico e principal profesor en dirección de orquestra; de Toni Cantal, compositor e profesor nas clases de adestramento auditivo; de Rafael Pérez, director do Conservatorio Municipal de Ponteareas; e de Fran Abal, mestre no Conservatorio Municipal e alumno da Academia.

Trátase dun dos 8 encontros que a Academia,  fundada no ano 2014, organiza ao longo do curso e que teñen como principal obxectivo a formación teórica e sobre todo práctica dos 25 alumnos que participan no ano académico 2015/2016. Cada encontro organizado pola entidade versa dunha temática diferente. A reunión que manterán mestres e alumnos en Ponteareas estará centrada na obra do falecido pianista e compositor australiano para orquestras de vento.

O proxecto para desenvolver este encontro “xa lle foi presentado ao Concello no pasado mes de setembro, e dende o primeiro momento nos pareceu unha formidable oportunidade de organizar un evento musical de prestixio na vila”, sinalou a edil de Ensino.

Tanto o sábado 28 de novembro como o domingo 29 haberá aulas abertas para que toda a veciñanza interesada poida asistir aos ensaios dos alumnos da Academia cos alumnos do propio Conservatorio Municipal, nun exercicio no que os aspirantes a directores de bandas de música e orquestras porán en práctica os coñecementos adquiridos. Rafael Pérez, director do Conservatorio, garantiu “que os alumnos estarán á altura dun evento coma este”. A aula aberta do sábado terá lugar dende as 16:30 até as 18:00 horas, mentres que a do domingo será de 12:00 a 13:30 horas.

Colaboración a longo prazo

Tanto Javier Viceiro como Toni Cantal agradeceron “a predisposición do Concello a colaborar dende o inicio da proposta, propiciando que unha academia coma esta e unha vila cunha enorme tradición musical poidan comezar a crear un vínculo produtivo para as dúas partes”.

O alcalde, Xosé Represas, pechou as intervencións incidindo nesa mesma liña e asegurando “que os responsable da Academia de Dirección de Banda non se arrepentirán de ter escollido Ponteareas como lugar para celebrar este encontro”. O propio Represas se comprometeu a “asistir a unha das aulas abertas e a traballar para que esta colaboración poida manterse no futuro”.