A Policía Local informará aos condutores dos cambios na normativa referida aos sistemas de retención infantil

A concellería de Seguridade Cidadá, dirixida por Vanesa Fernández, colabora deste xeito na difusión duns cambios que avogan por dotar de maior seguridade aos menores de idade en particular e aos usuarios en xeral

O goberno local vén de remitir unha circular aos centro educativos da vila para que eles tamén axuden na divulgación destes cambios na normativa de educación vial

educacion-vialO pasado 1 de outubro entrou en vigor o Real Decreto (667/2015, do 17 de xullo) polo que se modifica o Regulamento Xeral de Circulación no referente á utilización dos cintos de seguridade e dos sistemas de retención infantil. Coa intención de dar a coñecer esta mudanza entre os veciños e veciñas da vila, a Policía Local, dependente da concellería de Seguridade Cidadá xestionada por Vanesa Fernández, realizará controis de verificación do uso do cinto de seguridade e aproveitará para informar de varias cuestións relativas a estas mudanzas na normativa.

Vehículos de ata 9 prazas

Todos os menores de idade de estatura igual ou inferior a 135 centímetros deberán ir nos asentos traseiros cun sistema de retención infantil homologado. Tan só poderán viaxar no asento dianteiro, sempre co sistema de retención, cando o vehículo non dispoña de asentos traseiros; cando todos os asentos traseiros estean ocupados por menores; ou cando non se poida instalar o sistema de retención infantil nos asentos traseiros.

Para o resto de usuarios, será obrigatorio o uso do cinto de seguridade en todos os asentos, agás naqueles vehículos que non teñan cintos de seguridade instalados.

Vehículos de máis 9 prazas

Por exemplo os autobuses. En todos eles deberá informarse a todos os pasaxeiros da obriga de abrocharse o cinto de seguridade. Pódese facer a través do condutor, do guía, de medios audiovisuais ou de letreiros.

Para aqueles nenos que teñan tres ou máis anos de idade e unha estatura igual ou inferior a 135 centímetros será obrigatorio o uso de sistemas de retención infantil debidamente homologados e adaptados á súa talla e peso. Cando os vehículos non dispoñan destes sistemas, estes menores poderán utilizar o cinto de seguridade sempre que se adapte á súa talla e peso.

Compromiso

A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, móstrase “disposta a informar, difundir e divulgar todo o que sexa preciso para que os usuarios dun determinado vehículo viaxen o máis seguros posibles nos seus respectivos traxectos”. Neste senso, o goberno local vén “de remitir unha circular aos centro educativos da vila para que eles tamén se impliquen e axuden a concienciar a pais e nenos da importancia da educación vial”.