O Centro Municipal Asprodico acollerá o curso “A internet e o correo electrónico”

O obradoiro está organizado pola Asociación de Discapacitados do Condado e A Paradanta (ADAPTA) e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra

curso-internet-corr-elecO Centro Municipal Asprodico acollerá un curso de alfabetización dixital denominado “A internet e o correo electrónico” que se celebrará todos os martes e xoves, de 17:30 a 19:30 horas, entre os días 8 de outubro e 26 de novembro. A actividade está principalmente pensada para persoas maiores pero tamén se admitirán candidatos e candidatas doutros rangos de idade.

Trátase dun curso organizado pola Asociación de Discapacitados do Condado e A Paradanta (ADAPTA) e que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través do programa “Ti tamén contas”, dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a fomentar o avellentamento activo.

O obxectivo desta formación é dotar aos asistentes de ferramentas que lles permitan abrir unha conta de correo electrónico e manexala con soltura, ademais de habilidades para navegar pola rede de xeito que poidan realizar accións como pedir cita para unha consulta médica ou comprar online de maneira segura.

Dende a concellería de Benestar Social xestionada por Verónica Carrera quérese difundir a celebración dun curso que ten un total de 15 prazas e que aínda conta con vacantes por cubrir.

Para obter máis información é posible chamar aos números de teléfono 986 916 012 e 662 947 289 ou escribir ao correo electrónico crd.ponteareas@cogami.es.