A III edición da Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas recibe os parabéns do público e dos participantes

A III Feira das Ensinanzas Profesionais e Artísticas pecha as súas portas recibindo os parabéns tanto dos centros educativos expositores como do alumnado e profesorado dos centros que acudiron como visitantes.

 

Dende a concellería de Educación trasladan o seu agradecemento a cada unha das persoas que deixou a súa pegada nesta terceira edición que xa fai balance e comeza a traballar na innovación da vindeira edición.

Na tarde de portas abertas ao público en xeral foron moitas as familias que acudiron para estudar de xeito conxunto o amplo abano de ciclos formativos aos que poden optar, “pensamos que foi acertado ofrecer ás familias un espazo no que coñecer e poder reflexionar sobre o futuro dos seus fillos e fillas, vivir en directo e coñecer en primeira persoa as experiencias e as saídas laborais”, explicaba a concelleira Cristina Fernández nos días previos ao arranque da feira.

29 stands que recibirion a visita de preto dun milleiro de mozos, mozas e familias que percorreron acompañados de guías voluntarios toda a feira obtendo todo tipo de información en canto a materias impartidas, o encaixe no mercado laboral, as prácticas que relizan, a duración dos ciclos e a opinión do propio alumnado que estuda os ciclos.