Tralo éxito da crítica, a comedia “O Electo” chega ao auditorio de Ponteareas

Concello e AGADIC programan cinco actividades culturais no primeiro semestre 2020

A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, programa para este sábado día 8 ás 20:30 horas a obra de teatro “O Electo” de Contraproducións S.L.

Esta obra será a primeira dos cinco espectáculos programados no marco do convenio con AGADIC para este primeiro semestre do ano que suma un total de 17.460€, financiados entre o concello e AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, e que vén a reforzar a programación cultural estable e de calidade ofertada nos últimos anos.

Dentro deste ciclo de actividades programado con AGADIC o público tamén poderá desfrutar da obra “Casa O´Rei” de Iboprufeno Teatro, do espectáculo “Ser e Terra” de Nova Galega de Danza, da obra “Loló e Mamá” de De Ste Xeito Produccións e da obra “Senior” de Culturactiva.

“O Electo”

As e os interesados en pasar unha tarde de humor, poderán mercar as súas entradas para “O Electo” na taquilla do Auditorio Municipal o venrés 7 dende as 11 ata as 14 horas e o sábado de 11 a 14 horas e de 17:30 a 20:30.

Protagonizada por Antonio Mourelos e Dani Baqueiro e dirixida por Cándido Pazó, “O Electo” é unha comedia sobre a vocación política e as motivacións que levan ás persoas a querer ser Presidente.

Intres antes da investidura o psquiatra intrepretado por Antonio Mourelos tenta resolver un tic nervioso do futuro Presidente desencadeando unha divertida e incisiva batalla dialéctica.