A Banda de Gaitas Tremiñado celebrará o seu triunfo no campionato galego coa organización do seu tradicional festival

A única banda de gaitas de Ponteareas vén de conseguir o ascenso á segunda categoría e cumpre 17 anos de vida

DSC01893O Festival do décimo sétimo aniversario da Banda de Gaitas Tremiñado terá lugar o vindeiro 28 de novembro no Centro Cultural Antorcha, na parroquia ponteareá de Cristiñade a partir das 20:30 horas. O evento contará coa presenza da propia banda ponteareá, do grupo de música tradicional Bouzavella e da Agrupación Folclórica Xalgarete.

Tremiñado vén de conseguir o primeiro posto na terceira categoría da XXV edición da Liga Galega de Bandas de Gaitas o pasado 25 de outubro no Carballiño. Un éxito que segundo o seu director, Antonio Gutiérrez, “é unha mostra do enorme e bo traballo que se leva feito durante moitos anos na banda e que necesita de apoio institucional para poder subsistir”. Gutiérrez lembrou que “a banda xa chegou a estar na primeira categoría nos primeiros anos do século e por falta de soporte tivemos que dar un paso atrás, pero o traballo ben feito segue dando os seus froitos”.

Neste senso, a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, incidiu “na necesidade de apoiar a actividade de colectivos que traballan dende a base, pois hai que recordar que a Banda de Gaitas Tremiñado ten unha escola na que varios cativos maiores de 5 anos adquieren as súas primeiras nocións neste eido. Dende o Concello traballaremos para que a situación económica permita manter o convenio actual coa propia banda e mesmo aumentar o apoio”.tremiñado

A presentación do evento tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e contou tamén coa presenza da presidenta Centro Cultural Antorcha, Casilda González. O Auditorio Reveriano Soutullo acollerá tamén un concerto da Banda de Gaitas Tremiñado o vindeiro 27 de decembro.