Ponteareas terá un orzamento de 14 millóns de euros en 2016

Será o primeiro desde 2010

O goberno municipal de Ponteareas adiantou que o orzamento municipal do ano 2016 ascenderá aproximadamente a 14 millóns de euros. O alcalde Xosé Represas traballa xa coas cifras facilitadas polo departamento económico do concello e salientou que “estamos avanzando na confección do orzamento municipal que será o primeiro desde 2010, superando así unha situación anormal e prexudicial para o concello e para os cidadáns”.

Represas avanzou tamén datos globais e aproximados do reparto do gasto e dos ingresos, indicando que o gasto en persoal suporá uns 5 millóns de euros, o 35% do gasto, lonxe do 70% que chegou a representar hai anos hipotecando ao concello. O gasto corrente en recollida do e tratamento do lixo, electricidade, combustible, gastos da administración, entre outros, ascenderá a uns 4,6 millóns de euros. Ademais o goberno incluirá 2.350.000 euros de pago ao Estado pola “débeda histórica”, é dicir, para continuar devolvendo á administración central a cantidade que esta adiantou no seu intre para pagar a extraordinaria débeda acumulada polo concello que o deixara ao borde da bancarrota. Ademais preveranse uns 600.000 euros para o pagamento de sancións e condeas xudiciais pecuniarias arrastradas dos anos anteriores.

Represas explicou que “con estes números quédanos aproximadamente un millón catrocentos mil euros para gasto e investimentos novos, o que representa o 10% do orzamento”. Con todo, o Alcalde amosouse optimista adiantando que “imos sacar o máximo partido a esa cantidade, con actuacións en servizos básicos, en ensino, en emerxencia social, en políticas de creación de emprego, é dicir, nas prioridades que ten Ponteareas nestes intres”. Represas explicou que “o ano 2016 será o ano dos proxectos, de planificar e programar o que Ponteareas precisa nos vindeiros anos. Temos que adicar parte do orzamento a redactar plans e proxectos que recollan as actuacións que hai que realizar en Ponteareas, o que nos van custar e en canto tempo poderemos executalas. Con este orzamento acabouse a improvisación e o gasto público sen rigor”.

Os ingresos do orzamento, até acadar os aproximadamente 14 millóns de euros, virán a través dos impostos e taxas municipais que ascenderán a uns 7 millóns de euros e as aportacións do Estado, Xunta e Deputación que suporán outros 7 millóns aproximadamente.

Por outra banda, o goberno local continúa coas reunións nas parroquias nas que o alcalde e concelleiros do goberno están explicando os criterios que se están seguindo na elaboración dos orzamentos e escoitando as suxestións veciñais. Nas vindeiras semanas tamén se manterán reunións coas forzas políticas para “tentar acadar o máximo apoio e consenso ao redor dos presupostos”, indicou Represas.