17 casas culturais exhiben o seu traballo na Praza Maior

Os días 7 e 8 de decembro servirán para amosar unha parte da actividade que se realiza nestes centros

mostra-casas-culturaisA Praza Maior de Ponteareas acollerá unha mostra do traballo que desenvolve en 17 centros culturais de diferentes parroquias do concello durante os vindeiros días 7 e 8 de decembro.

Todos os asistentes poderán gozar, en horario de 16:30 a 21:00 horas, de diferentes exposicións e actuacións que teñen como principal obxectivo a posta en valor dos diferentes traballos e actividades que se realizan ao longo do ano nestas casas culturais, moitas delas subvencionadas polo propio Concello a través da Concellería de Cultura, xestionada por Hortensia Bautista.

Traballos de tapicería, manuais, artigos de cestería ou actividades de cociña e repostería son só algúns exemplos do que a veciñanza que se achegue poderá contemplar nunha Praza Maior que tamén contará coa actuación de diferentes agrupacións musicais asentadas en diferentes parroquias e vinculadas a algúns destes centros culturais.

A concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, valorou “a utilidade que ten organizar unha mostra coma esta, pois ademais de poñer en valor o importante labor que se fai nestas casas culturais, permite que o resto de veciños e veciñas do concello coñezan de primeira man o traballo que se leva a cabo en cada unha delas”.

A Praza Maior servirá tamén como plataforma para a exposición de fotografías de diferentes épocas históricas relacionadas con diferentes parroquias do concello, así como para a recreación de lendas antigas que formaron parte do imaxinario colectivo da poboación de varias delas durante moito tempo.