A Asociación de Axuda ao Desafiuzado pon en marcha o concurso “Divertíndote Colaboras”

O concurso consta de tres categorías e o prazo para presentar os traballos remata o vindeiro 28 de decembro

A Asociación de Axuda ao Desafiuzado organiza, en colaboración co Concello de Ponteareas, o concurso “Divertíndote Colaboras”, pensado para “buscar ideas que axuden a mellorar o noso mundo. Calquera medio impreso que nos faga entender as túas ideas para mellorar o teu contorno, a túa vida e a dos demais, será aceptado polo xurado”, tal e como explican dende a propia asociación.

O concurso está dividido en 3 categorías: infantil (ata os 10 anos), xuvenil (de 11 a 17 anos) e sénior (maiores de 18 anos). Os traballos poden ser presentados en papel, cartón ou cartolina. A organización entregará tres premios por cada categoría que será decididos por un xurado formado por membros da asociación e persoas relacionadas co mundo artístico.

Todas as persoas participantes terán dereito a unha entrada gratuíta ao evento no que terá lugar a entrega de premios, no Karaoke Vox. O acto dará comezo ás 20:00 horas do vindeiro 30 de decembro e contará coa actuación dun cuarteto de corda con voces en directo.

Os premios serán doados polo Concello de Ponteareas e os traballos poden ser presentados na Biblioteca Municipal, no Karaoke Vox ou nos diferentes centros de estudos no caso do alumnado. Para máis información é posible chamar ao teléfono 622 77 00 46.

Esta asociación atendeu máis de 30 casos ao longo deste ano 2015 nos que conseguiu que as persoas que tiñan que enfrontar un desafiuzamento conseguiran, ben permanecer na vivenda, ben optar a unha alternativa habitacional.