
dav
Sentámonos uns intres xunto ao músico Serghei Maximov e o seu alumno Zeus Alfaya Fontán. Arredor dunha mesa acompañados dun violín fan memoria do día no que se coñeceron e dos sete anos que levan traballando xuntos.
Zeus lembra que con tres anos comezou a descubrir o mundo da música e que o violín despertou o seu interese cando aos seis anos tivo que elexir instrumento pero o seu profesor e alentador, Serghei Maximov, ten unha lembraza máis precisa. Recorda que o pais de Zeus o acompañaba nas primeiras clases.
“Recordo ese momento perfectamente. O pai e o fillo. Iso é algo moi bo, que a familia se implique, que tome as primeiras anotacións para que o seu fillo practique na casa, que teñan ese respaldo é moi positivo”.
Zeus decantouse por un instrumento que o profesor recoñece como complexo e difícil pero doado de aprender se ún non cesa na práctica diaria construindo pouco a pouco a base de repetir movementos, posturas, compases, ritmos…
Dende que no mes de xuño Serghei propuxo a Zeus participar no Concurso de Violín Cidade de Vigo, ensaian duramente máis horas das habituais, sábados e domingos, incansables. E non é para menos xa que neste concurso se dan cita os mellores estudantes de violín de España e Portugal.
Zeus será o primeiro violinista do conservatorio municipal de Pontearas en presentarse a este concurso e para o seu profesor o feito de estar aí xa é un grande paso.
Serghei sabe que para Zeus subirse ao escenario para tocar cinco pezas totalmente diferentes en estilos e épocas suporá un reto pero tamén un paso máis na súa carreira musical.
“O concurso sirve para motivalo, para incentivalo e para dar proxección aos seus coñecementos. Estar aí é xa unha decisión importante. Por iso este venres 23 ás 16:30 horas faremos a presentación das catro obras que Zeus terá que interpretar ante o xurado do Concurso de Violín. O primeiro reto, o de grabar e enviar a grabación ao tribunal de selección, xa o pasou. Agora imos a polo concurso. A dar o mellor de nós”.
Tantas horas de esforzo acabaron por dar un pequeno susto ao alumno, ao profesor e á familia. Un principio de tendinitis nun brazo ameazaba con porlle freo á ilusión destes dous violinistas que finalmente superaron esta nova proba e siguen adiante coa súa intención de representar a Ponteareas neste importante certame.
“Unha parte ensina á outra. O profesor aprende do alumno e á inversa”, asegura Maximov mentres Zeus presta unha intensa atención signo da complicidade destas dúas persoas que aprenderon a coñecerse.
Os e as alumnas non son todas iguais e por iso na súa traxectoria de profesor tivo que descubrir o xeito de transmitir os seus coñecementos de forma casi personalizada a cada un dos seus alumnos. En España bota de menos que ninguén ensine aos que van ensinar música, é dicir, demanda maior formación de métodos e pedagoxía para os profesores de música porque ser músicos non é o mesmo que ser profesor de música.
Presentarse a un concurso implica máis horas de esforzo, outro ritmo de traballo pero Zeus sigue a ter boas notas no curso de segundo de grao profesional e tamén no instituto, exemplo unha vez máis, de que a música é boa para as persoas e para os estudantes.
Do seu profesor gústalle o seu carácter esixente que lle obriga a superarse e recoñece que unha vez que comeza a tocar o violín, cústalle deixalo. Xoga no club de fútbol de Mondariz pero xa ten sacrificado máis de un partido por poder actuar co seu violín.
Para Serghei os seus alumnos son a máxima demostración do seu traballo “cando un escoita a un músico bo dí de él que é un prodixio, pero cando un escoita a un músico tocar mal, dí que tivo un mal profesor”, engade entre sorrisos.
A súa carreira de músico titular de viola combínaa coa súa faceta de profesor asumindo que ser músico é máis doado que ensinar xa que a primeira depende del só e a segunda depende da fusión do conxunto, da unión de dúas persoas que deben empatizar para acadar os mellores resultados.
O vindeiro día 30 estarán xuntos nunha nova aventura na que amosarán ao xurado do Concurso de Violín, que alumno e profesor son capaces de medrar e de superar todas as fases que se lle poñan diante.