Xosé Represas, “Ponteareas conta, por primeira vez, cun Goberno de coalición estable”

Pasado un terzo da lexislatura, o Goberno fai balance desta primeira etapa na que “sentáronse ás bases para desenvolver as políticas que permitan o desenvolvemento do municipio”

 O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, asegurou que Ponteareas conta, por primeira vez “cun goberno de coalición estable” que durante este primeiro terzo da lexislatura, “demostrou á cidadanía a súa capacidade de traballar, sen fisuras, polo desenvolvemento de Ponteareas”.

Represas subliñou o feito de que “fronte aos que poñían en dubida a estabilidade dun goberno formado por tres partidos ─BNG, PSOE e ARDT─, neste tempo fomos quen de amosar que traballamos na mesma dirección, antepoñendo o ben común da cidadanía e o desenvolvemento de Ponteareas a posibles intereses partidistas”.

De feito, os tres grupos que forman o Goberno de Ponteareas, explica Xosé Represas, “teñen as súas áreas de responsabilidade perfectamente delimitadas e coordinadas por este alcalde, a través das correspondentes reunións”. Ditas xuntanzas, engade o rexedor municipal, “permiten que cada área poida traballar con independencia pero con absoluta coordinación coas demáis”.

Nesta primeira etapa, di Xosé Represas, “sentamos as bases para, agora, poder desenvolver as políticas que permitan un cambio real do municipio” e, nese aspecto, “contar cun Orzamento e outras medidas postas en marcha neste tempo, dota ao Concello dunhas ferramentas básicas para a realización de proxectos de futuro”.

O Goberno de coalición BNG-PSOE-ARDT foi quen de, PXOM e Orzamento a parte, de realizar unha revisión de valores catastrais “fondamente inxustos”. Amais, engade o alcalde de Ponteareas, “conseguimos que as ideas e propostas de futuro do Concello, foran incorporadas na estratexia de desenvolvemento que conseguiu cinco millóns de euros dos fondos europeos”.

Recalca Xosé Represas, a importancia deste feito “xa que tan só 73 concellos de todo o Estado, puideron acadar estes fondos e, entre eles, Ponteareas”. Agora, remata, “o Goberno conta cos fondos necesarios para realizar as políticas que permitan o desenvolvemento definitivo de Ponteareas”.