Veciños e colectivos interésanse pola recuperación das zonas afectadas

O Concello de Ponteareas celebrou hoxe arroupado de veciños e veciñas, voluntarios, Comunidades de Montes, colectivos sociais e veciñais e afectados polos incendios en xeral o acto de información sobre actuacións tralos incendios que se celebrou no auditorio municipal. 

O goberno de Ponteareas informou aos veciños e veciñas das primeiras medidas a adoptar da man de técnicos profesionais de medio ambiente, biólogos, enxeñeiros forestais, psicólogos e veciños. Nas súas intervencións ofrecerán recomendacións e nocións básicas que axuden aos afectados a superar os efectos da catástrofe dos incendios.

Xosé Covelo, enxeñeiro forestal; Bárbara Álvarez e Sergio Quiroga, biólogos, explicaron as primeras medidas que debemos adoptar para axudar ao solo a recuperarse. Restos de podas, esterco, as propias follas das árbores ou compost son algúns dos remedios que poden axudar a cicatrizar. 

Rosa Covelo, bióloga e coordinadora do voluntariado Voltea, trasladou aos participantes a necesidade de traballar coordinados contando cos voluntarios, particulares e colectivos.

No acto tamén tiveron voz os bombeiros e protección civil entre outros traballadores municipais. O público asistente tamén participou trasladando as súas inquedanzas, dúbidas, preguntas, críticas e suxestións.

Non enfrontarse ao lume sen camiseta, que ferramentas domésticas empregar, prioridades á hora de afrontar os distintos puntos ou focos incendiados foron algunhas das nocións que introducíu o xefe dos bombeiros de Ponteareas, Roberto Castro.

O Alcalde de Ponteareas insistíu na necesidade de formar á poboación para saber actuar en situacións de emerxencia. Establecer protocolos de actuación tanto na recuperación como nas situacións de alerta, iniciar medidas preventivas, boas prácticas e traballar de xeito conxunto foron os eixos centrais desta reunión na que o goberno de Ponteareas rendíu homenaxe aos participantes.