Publicadas as bases do III concurso do cartel do Corpus 2019

O goberno de Ponteareas comeza os preparativos das vindeiras festas do Corpus de Ponteareas e da un paso máis na promoción e no recoñecemento destas festas, das súas alfombras florais e das súas xentes ao convidar ás escolas universitarias de Belas Artes a participar no III Concurso do Cartel do Corpus. 

A concellería de Cultura e Turismo do concello de Ponteareas fai públicas as bases do concurso do cartaz da vindeira edición das festas de Corpus coa finalidade de involucrar a persoas individuais ou colectivos no deseño do cartaz oficial da festa. 

O concurso será aberto e poderán participar calquera persoa física individual ou en equipo, maiores de 18 anos, cun máximo dunha obra de creación propia, orixinal e inéditca de técnica libre. 

Todos os carteis deberán estar relacionados coa festividade do Corpus Christi e as alfombras de flores que se realizan con motivo desta festividade. A temática estará relacioanda coa xente, materiais, trazados, deseños, etc. relacionados coa festividade e con Ponteareas.

As propostas poderán presentarse ata o día 18 de decembro (incluído). As bases poderán consultarse na páxina web do concello na pestaña Cultura “bases” ou clikando na seguinte ligazón https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/

As bases tamén se poden consultar nas redes sociais de Cultura e Turismo Ponteareas Os traballos deberán ser presentados no rexistro da Casa do Concello de luns a venres de 9 a 14 horas.

Hortensia Bautista será a presidenta do xurado e o resto do xurado serán profesionais do mundo do deseño, o debuxo ou as belas artes tendo en conta as suxestións dos e das alfombristas. 

A temática, o mellor deseño gráfico, a calidade técnica e a artística, o impacto visual, a creatividade ou a orixinalidade no deseño serán os aspectos que o xurado valorará. 

O concurso dotarase dun premio único por valor de mil euros.