Presentación do libro de relatos “Os anxos indecisos”, de Manrique Fernández

A concellería de Cultura e Lingua, que dirixe Fernando Groba, convida á veciñanza á presentación do libro do último libro do xornalista Manrique Fernández, o próximo sábado día 5 de outubro na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas. A presentación do libro “Os anxos indecisos” comezará ás 20:00 horas e o autor estará acompañado polo editor e Director Xeral de Galaxia, Francisco Castro, e pola tamén escritora Anna R. Figueiredo.

Os anxos indecisos” é unha colección de sete relatos cos que o autor pretende explorar a relevancia das decisións que tomamos e como afectan ás nosas vidas e ás de outros, así como a incertidume que pode chegar a provocar a dúbida á hora de facerlles fronte a esas decisións. Os relatos están ambientados en distintos escenarios pero todos eles falan de cuestións de actualidade, como a inmigración, os malos tratos á muller ou á infancia, a precariedade laboral, o papel dos medios de comunicación ou os desafiuzamentos, entre outros.

Ao longo de todo o libro, o autor xoga con distintas voces narrativas para relatar cada historia así como con diferentes estilos cos que darlle variedade ao conxunto.

Manrique Fernández é xornalista e, ademais de narrativa, ten cultivado a poesía, o teatro, a biografía ou o ensaio. Tamén mantén un blog de recensións literarias e colabora co Concello de Ponteareas en diversas iniciativas culturais, sendo coordinador do ciclo “Venres D_letras”.