Ponteareas recupera a tradicional Feira de Outono coa colaboración do Concello

A VIII edición contará con produtos tradicionais e ecolóxicos, música, micoloxía, tradición oral e magosto

pres-feira-outono-1Os organizadores da VIII Feira de Outono de Ponteareas presentaron en rolda de prensa a programación da feira, que se celebrará os próximos 13, 14 e 15 de Novembro nunha carpa instalada na Praza Maior de Ponteareas. Esta edición está organizada polo Centro de Recuperación de Cultura Popular, Asociación Xuvenil Galiza Nova, Casa Cultural de Arcos e Sindicato Labrego Galego, e conta coa colaboración das concellerías de Comercio, xestionada por Mario Lago; a concellería de Cultura, dirixida por Hortensia Bautista; e a concellería de medio ambiente, xestionada polo alcalde Xosé Represas.

 

Segundo indicaron os organizadores, a feira iniciarase o venres 13, dende as 20:30 horas na Biblioteca Municipal, cunha charla sobre o mundo dos fungos e cogomelos, impartida por Hugo Fernández.

 

A VIII Feira de Outono ten como obxectivo a promoción, potenciación e valorización dos produtos propios do outono, así como a aposta polo consumo consciente, local e de proximidade en base a sustentabilidade do medio ambiente, da actividade empresarial e ao coidado do territorio. Neste sentido, o sábado 14 e domingo 15 terá lugar a exposición e venda de produtos tradicionais e ecolóxicos, como mel, galletas, chocolate, queixo, viño, pan, rosquillas, requeixo, mirabeis, produtos de horta, cervexa ou licores. Ademais, haberá un espazo de librería, polbeira e pizzeiro e actividades infantís.

 

A micoloxía ocupará unha parte importante desta Feira de Outono. O sábado dende as 16:00 horas está programada unha saída micolóxica guiada dende a Praza Maior para efectuar a recollida de cogomelos, que estarán expostos durante a xornada do domingo. Para pechar a xornada do sábado, ás 20:00 horas, terá lugar un concerto do grupo Blues do País.

Dentro da programación da Feira de Outono encádrase a realización dunha Revista Oral, que intenta recuperar a tradición oral para manter e pór en valor o noso patrimonio material e inmaterial. A revista comezará ás 19:00h do domingo na propia carpa da Praza Maior. Na tarde do domingo tamén terá lugar un magosto popular, amenizado polo grupo Ronco&Fol, e un ritual da queimada a cargo do Meigo do Tea.
A organización agradece a colaboración do Concello de Ponteareas
A organización da VIII  Feira de Outono de Ponteareas, quere agradecer ao Concello de Ponteareas a colaboración nesta feira, que deixara de celebrarse no ano 2010 pola eliminación das axudas necesarias por parte da administración e que agora “o goberno local recupera con enorme satisfacción”, sinalou Represas. Dende a organización destacan que é necesario que as administracións públicas apoien este tipo de iniciativas que promoven o consumo de produtos naturais, ecolóxicos, ou de artesanía, xa que estas feiras facilitan a posta no mercado destas producións agrarias e artesanais, ao tempo que axudan a dinamizar a actividade comercial alí onde se celebran.