Ponteareas esixe á Subdelegación de Goberno que garanta a seguridade nos mercadillos

A edil de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, envía un comunicado no que demanda que a Administración Central “actúe antes de que haxa que lamentar traxedias maiores”

Mario Lago, concelleiro de Comercio, e Xosé Represas, alcalde ponteareán, valoran propoñer Ponteareas como punto de encontro para manter unha reunión multilateral que permita buscar solucións

“O goberno local ponteareán non vai quedar impasible ante un conflito que nos atinxe a todos”. Son palabras de Mario Lago, concelleiro de Comercio, e Vanesa Fernández, concelleira de Seguridade Cidadá.

Ante os recentes feitos acontecidos en diferentes concellos da comarca relacionados co conflito aberto entre dous clans da comunidade xitana, o último deles esta mesma mañá en Redondela, o executivo local considera “urxente a actuación da Subdelegación de Goberno, que até agora se comporta como se a problemática non fora con eles, para mobilizar ás forzas de seguridade dependentes da Administración Central e poñer solución a unha situación que podería causar males moito maiores nas vindeiras datas de seguir por este camiño”.

Vanesa Fernández asegura que “a Subdelegación de Goberno ten a obriga legal de garantir a seguridade nos mercadillos e de perseguir e arrestar aos causantes desta situación”. “Non parece comprensible” que despois de se realizar “ameazas explícitas de morte e desterro aínda non se efectuara ningunha detención”.

A responsable de Seguridade cidadá en Ponteareas tamén quixo lamentar que “non exista un regulamento autonómico sobre mercados ambulantes en Galicia, cuxa elaboración corresponde á Xunta, que permita establecer unha actuación común ante este tipo de incidentes”.

 

Ponteareas como punto de encontro

Afondando no compromiso deste goberno para axudar a procurar solucións a este conflito, o concelleiro de Comercio, Mario Lago, e o rexedor municipal, Xosé Represas, valora a posibilidade “ofrecer Ponteareas como sede dun encontro institucional no que participen todos os concellos da área metropolitana de Vigo afectados por esta problemática, ademais da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e Subdelegación de Goberno”.