Ponteareas pon fin ao seu plan de axuste económico

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou a finalización do plan de axuste económico do Concello, en vigor desde 2013.

O rexedor local lembrou que en 2012 Ponteareas se acolleu ao plan de pagos a proveedores posto en marcha polo ministro Montoro. Desa maneira, “os millóns de débedas que tiñamos con empresas e autónomos foron abonadas polo Estado e o Concello tivo que devolver ese diñeiro durante estes anos”, aclara o Alcalde. 

En 2013, para facer fronte a máis débedas, o Estado autorizou ao concello a formalizar un préstamo de 210.000 euros a devolver en 10 anos, impoñendo a aprobación dun plan de axuste que conlevaba subir impostos e facer recortes esixidos polo Estado, quen controlaba así as contas municipais. 

“Ese préstamo e o seu plan de axuste aprobouse para facer fronte a gastos como as orquestras das festas e a iluminación do nadal de 2013, a edición do calendario dese ano, pins, medallas e chaveiros e incluso gastos da televisión municipal” explicou Represas. 

O alcalde sinalou que “grazas á nosa xestión destes tres anos e medio, o pasado mes de decembro cancelamos totalmente ese préstamo de forma anticipada, catro anos antes do previsto, poñendo fin ao plan de axuste”. O Alcalde amosouse moi satisfeito porque “desta maneira non teremos que pagar os xuros e ademais recuperamos a autonomía sobre a nosa facenda. Agora o Estado xa non nos pode esixir nin recortes nin subas de impostos”. 

O alcalde destacou que “pasamos dun tempo no que se creaban débedas millonarias a unha situación actual na que nos podemos permitir pagar os préstamos antes de tempo. Supuxo un grande esforzo para os ponteareáns que nestes anos non puideron ver investimentos en obras e servizos, pero agora o concello está saneado e normalizado e os cartos por fin se adicarán neste ano 2019 a atender necesidades prioritarias”. 

Represas anunciou que nas vindeiras semanas, unha vez os servizos económicos do concello pechen o exercicio de 2018, “farase pública toda a información que demostra o saneamento económico do Concello”. O alcalde adiantou xa que “no noso mandato 

logramos saldar toda a débeda co Estado polo pago a provedores, a millonaria débeda coa seguridade social, millóns de euros de débedas non contabilizadas ou derivadas de sentenzas xudiciais recentes e, agora, o préstamo do plan de axuste”.