Ponteareas participa na xuntanza da Rede Municipalista Solidaria

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Mocidade, Verónica Carrera, participou na xuntanza da Rede Municipalista Solidaria, conformada por persoal das administracións locais e provinciais integradas no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Neste encontro, a Secretaría Técnica da entidade fixo balance dos proxectos de desenvolvemento apoiados en países empobrecidos ao longo de 2018, así como das actividades implementadas polas deputacións e concellos socios para concienciar fronte as desigualdades. Ao tempo, presentáronse as accións para o ano en curso, recollendo as achegas das e dos participantes.

A sesión abríuse cun repaso ao plan de actividades do pasado exercicio, que se saldou coa incorporación de seis novos concellos. As actividades de educación para a cidadanía chegaron a milleiros de persoas duns setenta municipios en forma de exposicións, contos, arte urbana ou espectáculos musicais e teatrais.

En canto aos proxectos de cooperación internacional, déuselle continuidade ás dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Ademais, o Fondo Galego está a participar nunha proposta europea para consolidar o proceso de paz en Colombia, alén de apoiar a ONGD galegas en Guinea-Bissau, Honduras e Guatemala. Deste último país procede o responsable de formación docente da Fundación Pedro Poveda, Jorge Monroy, que intervirá nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria para dar a coñecer o proxecto que se está executando sobre o terreo para promover unha educación integral en sexualidade en centros educativos do municipio de Chinautla.

En 2019, está previsto continuar captando máis administracións socias, pechar os dous proxectos en Mozambique e iniciar outros novos con municipios da África lusófona, amais de reservar unha partida para axudas de emerxencia. Do mesmo xeito, seguirase concienciando á cidadanía galega a través de diversas actividades e reeditarase o programa de cooperación técnica Vacacións con Traballo, entre outros. Nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria recolleranse as suxestións do persoal técnico municipal e provincial para o plan anual, pois o obxectivo é favorecer a circulación da información para realizar unha xestión eficaz.