Ponteareas pon en marcha unha nova liña de axudas á hostalaría

Tamén está en vigor a bonificación do 95% das taxas das terrazas ata 31 decembro 2021

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova liña de apoio ao sector da hostalaría local para tentar rebaixar o impacto do peche decretado polo goberno da Xunta de Galicia coa finalidade de combatir a expansión da pandemia. Estas novas axudas poderán tramitarse a partir da vindeira semana e están dirixidas únicamente para os negocios da hostalaría que están pechados nestas semanas. Trátase dunha axuda complementaria á anunciada polo goberno galego e tamén complementaria doutras do propio Concello.

Recentemente a concelleira de promoción Económica, Eva Gil e o alcalde, Xosé Represas, mantiveron reunións telemáticas cos directivos do sector na que presentaron esta nova liña de axudas á que o Concello destina inicialmente 25.000 euros “pero que poderá incrementarse para atender todas as solicitudes cómo é a nosa intención” afirmou a concelleira nacionalista.

As axudas serán todas de 300 euros, poderán beneficiarse autónomos e empresarios con negocios abertos en Ponteareas e que tiveron que pechar o pasado 7 de novembro pola pandemia da COVID. As solicitudes serán adxudicadas por orde de presentación, “deste xeito axilizamos a tramitación e facilitamos que chegue a todos e todas”. Poderán acollerse tamén os negocios que sirven “para levar”.

 

Outra das medidas que xa está vixente para apoiar á hostalaría é a bonificación do 95% das taxas das terrazas ata ó 31 de decembro de 2021, ademáis das axudas directas, postas en marcha polo Concello, con motivo do estado de alarma do mes de marzo, axudas que foron pagadas a todos os que cumprían as condicións da convocatoria, que no caso da hostalaría foron un total de 70 negocios.

 

Eva Gil, tamén lembrou os cambios realizados para facilitar a ampliación das terrazas en novas zonas, ao tempo que se gañou espazos para os peóns, “o que queren os hostalairos é poder traballar”

O Concello de Ponteareas, dentro das súas competencias, tamén contempla eximir do pago ou compensar os recibos municipais do lixo e da auga a todos os negocios durante o período que tiveron que pechar pola pandemia, tanto nestas semanas decretadas pola Xunta para a hostalaría como durante o estado de alarma que afectou a todo tipo de negocios.

Represas tamén se referíu ao “anuncio” das axudas da Xunta de Galicia, “agardo que se concreten as axudas e que cheguen realmente aos hostaleiros, pois é a Xunta quen ten a obriga de dar apoio á hostalería, ademáis é a administración que ten as competencias en hostalería e é o goberno galego quen pode garantir que todos os negocios teñan os mesmos apoios, estén no concello que estén” afirmou o alcalde de Ponteareas.

 

Dende o concello consideramos que temos o deber de axudar a un sector que está a sufrir unhas elevadas perdas nesta crise. Queremos por todas as facilidades para que cando poidan reabrir recuperen a actividade e os postos de traballo” declarou Represas.

 

Esta nova liña de axudas á hostalería ven a sumarse a que xa está aberta dende a pasada semana para todo tipo de negocios por 230.000 euros, “é un momento excepcional por iso son imprecindibles estas medidas tamén excepcionais para axudar a traballadores/as, autónomos/as e pequenas empresas de Ponteareas”

 

Pídolle a todos os veciños e veciñas que sexamos conscientes do gran esforzo que están realizando os hostalairos, a nosa obriga é contribuir coas medidas que todos coñecemos para cortar a cadea de contaxios e así a situación mellore e poidan reabrir pronto para recuperar o emprego, debemos facelo pola saúde de todos e tamén por solidariedade” manifestou o alcalde de Ponteareas.

 

Desde o Concello de Ponteareas imos a seguir traballando para pór en marcha novas liñas de apoio, non só para a hostalaría, para reactivar a actividade económica en xeral de todos os negocios e servizos, dentro dos límites económicos do concello. No vindeiro ano 2021 contemplamos medidas que incentiven as compras e o consumo no comercio e hostalaría local.