O Concello actualiza a información sobre as limitacións ao tráfico polas obras da rede de calor

Reabríuse a Avenida de Galicia, mantense pechada Benavides e cortarase a rúa Vidales Tomé. Durante dous días o servizo de autobuses ubicarase na rúa Castañal

A concellaría de Mobilidade e Tráfico informa das limitacións ao tráfico rodado que se implementarán durante a vindeira semana como consecuencia da execución da rede de calor con biomasa.

Durante esta semana executouse o soterramento da rede nos Xardíns da Xiralda, Rogelio Groba, o cruce da Avenida de Galicia con Benavides e a rúa Santa Ana. Ademais iniciáronse os traballos na rúa Carballos, no tramo desde a Avenida de Galicia até a Estación de Autobuses. Na Avenida de Galicia aproveitouse o traballo para mellorar canalizacións soterradas eléctricas evitando así futuras obras nesa zona.

Desde onte venres a Avenida de Galicia está totalmente aberta ao tráfico e así se manterá até finais da semana cando se inicien as obras no tramo que vai desde Vidales Tomé a Carballos. Nese intre a circulación pola Avenida de Galicia reducirase a un único carril con dirección ao centro urbano. Para circular en sentido inverso, cara a N120 manterase aberto o itinerario polo Paseo Matutino e Castañal tal e como aconteceu durante esta semana.

Por outra banda, o luns comezarán os traballos de soterramento na rúa Vidales Tomé o que obrigará a cortar esta rúa. A concellaría xa informou aos residentes de Vidales Tomé e de Santa Ana sobre os itinerarios a utilizar para acceder aos seus garaxes. Así, accederase a Santa Ana por rúa de Oriente e San Xoaquín mentres que a saída se realizará pola Praza Maior. No caso de Vidales Tomé os usuarios de garaxes poderán acceder en sentido contrario ao habitual de circulación coas debidas precaucións.

Por último, na vindeira semana remataranse as actuacións na rúa Carballos e Castañal, por onde se poderá circular con normalidade ao habilitar como carrís as zonas de estacionamento. Para acometer o soterrado das tubaxes diante da Estación de Autobuses, entre o luns as 12:00 e o martes ás 23:00 a Estación estará pechada e a zona de parada de autobuses será a rúa Castañal, fronte á propia estación e a carón dos soportais existentes na zona.

O goberno municipal agradece a comprensión veciñal diante dos inconvintes e incomodidades que todas as obras en espazos públicos inevitabelmente sempre xeneran. Ademais, salientan a importancia desta obra que abastecerá de calor con biomasa á Casa do Concello, Escola Infantil, Estación de Autobuses e Edificios do Centro de Día, Centro de Maiores e Centro de Servizos Sociais, o que suporá unha enorme redución das emisións de CO2, mellorando a calidade do aire na vila, así coma un considerábel aforro económico.