Ponteareas pon en marcha o primeiro certame de fotografía

O concurso, organizado pola concellería de Cultura, leva o nome de “Ponteareas no obxectivo”

camera-lens-240966_1280A concellería de Cultura e Turismo, dirixida por Hortensia Bautista, pon en marcha o primeiro certame de fotografía organizado polo Concello de Ponteareas, denominado “Ponteareas no Obxectivo”. O concurso ten como principal cometido a difusión e o recoñecemento de novos creadores.

Todas as persoas interesadas en participar deben presentar un máximo de tres fotografías na Biblioteca Municipal, situada na rúa A Perillana 9-11, ademais de envialas ao seguinte enderezo electrónico: bibliotecamuseo@ponteareas.es. Cada fotografía terá un tamaño mínimo de 18 X 24 cm e un máximo de 40 X 50 cm, impresas en papel fotográfico.

Os primeiros clasificados poderán elixir entre os seguintes premios: un marco dixital,  unha estadía nunha casa de turismo rural do Concello de Ponteareas  grazas a unha doazón da Asociación Agarimo, ou un xantar nun establecemento do Concello de Ponteareas, grazas a unha doazón da Asociación de hostalería e turismo de Ponteareas.

O prazo para presentar as fotografías comeza mañá mércores, 15 de xullo, e remata o vindeiro 15 de agosto ás 23.59 horas. As bases do concurso pódense atopar nunha ligazón situada na portada da web oficial do Concello de Ponteareas: www.concellodeponteareas.org.

Todos os participantes deben acreditar a autoría das súas respectivas instantáneas, as cales deberán estar relacionadas co Concello de Ponteareas a través da súa paisaxe, urbanismo, eventos, monumentos, festas ou labores tradicionais. Aquelas que resulten gañadoras pasarán a ser propiedade do Concello de Ponteareas, con cesión dos dereitos de reprodución e exposición.

Un concurso que se suma ao conxunto de actividades que se están a poñer en marcha dende a concellería de Cultura para o período estival e que permitirá dar a coñecer a creatividade de moitas persoas da vila detrás do obxectivo das súas respectivas cámaras.