O Campus Tea 2015 cubre todas as prazas

Éxito rotundo do campamento urbano de verán posto en marcha dende a concellería de Ensino, xestionada por Cristina Fernández

A propia concelleira fixo entrega das camisetas oficiais do Campus aos nenos e nenas que participaron na primeira quenda do mesmo

entrega-camisetas-campus-teaO Campus Tea 2015, organizado dende a concellería de Ensino do Concello de Ponteareas, xa ten cubertas as 200 prazas previstas para que os nenos e nenas da vila, de entre 3 e 12 anos, poidan gozar de diferentes actividades formativas durante os meses de xullo e agosto.

Este campamento, que ten lugar no CEIP Nosa Señora dos Remedios, está dividido en catro quendas. Cada unha delas ten unha duración de quince días e consta de diferentes actividades temáticas, adaptando os seus contidos ás diferentes idades.

A primeira quenda celébrase entre os días 1 e 15 de xullo, ámbolos dous inclusive, e permite que os cativos poidan achegarse ao eido da cultura castrexa dunha maneira divertida, tentando espertar o seu interese por un estilo de vida tan distinto do actual.

Estes rapaces e rapazas veñen de recibir a camiseta oficial do Campus Tea 2015 de mans da concelleira de Ensino, Cristina Fernández. A edil ponteareá quixo comprobar in situ o desenvolvemento das actividades que estes días teñen lugar no centro educativo ponteareán, ao tempo que facía entrega dunha prenda que os nenos e as nenas poderán gardar como recordo deste campamento.

Durante a segunda quincena do mes de xullo, os nenos poderán descubrir diferentes procesos dos alimentos, tanto dos procesados como daqueles cunha orixe ecolóxica, grazas á realización de obradoiros de cociña e xogos variados para fomentar hábitos de vida saudables.

Entre os días 1 e 15 de agosto, ámbolos dous inclusive, o foco estará centrado no ámbito deportivo. As actividades fusionarán xogo e deporte, tentando procurar unha mestura que posibilite que os rapaces carguen pilas e aproveiten o bo clima do verán en compañía dos seus iguais.

A última quenda, prevista para a segunda quincena do mes de agosto, estará centrada na escritura, percorrendo a historia dende a súa orixe, pasando polos primeiros libros até chegar á creación da imprenta. Tamén se fará un pequeno repaso dos diferentes tipos de escritura existentes na actualidade: cirílico, braile, etc.